Paso adiante da Deputación de Pontevedra na agrocompostaxe


A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Revitaliza, vén de abrir unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros destinada a fomentar a agrocompostaxe en sinerxía cos biorresiduos municipais. Isto é, subvencionará empresas ou cooperativas relacionadas co agro ou o gando que aposten por aproveitar os seus biorresiduos, misturalos cos de orixe doméstica dos concellos, e despois darlle uso ao compost resultante para fertilizar os seus solos.

Segundo explicou hoxe o vicepresidente Mosquera, empresas ou cooperativas que produzan residuos agrogandeiros, silvícolas, vitivinícolas, hortofrutícolas, adegas ou similares, e que precisen utilizar fertilizantes, pódense sumar a esta iniciativa e recibirían subvencións para construír ou adaptar instalacións e adquirir maquinaria coas que realizar a agrocompostaxe.

O obxectivo é aproveitar sinerxías e solucionar o déficit que teñen este tipo de empresas para conseguir fertilizantes de boa calidade e, ademais, solucionar tamén o problema dos concellos para tratar os residuos orgánicos xerados pola poboación. Trátase dunha nova vía coa que tratar os residuos para as zonas máis densas nas que a opción é o colector marrón, dende o que despois hai que levar os biorresiduos a unha planta de maior ou menor tamaño. Ao abeiro do Revitaliza seguirase apostando por compostaxe en kilómetro cero mediante composteiros comunitarios e individuais.