O turismo tamén mira ás estrelas en Galicia


Os fenómenos astronómicos teñen estado moi presentes na vida dos habitantes de Galicia desde tempo inmemoriais. Condicionaron aspectos da vida cotiá como as datas de sementar e colleitar e guiaron a construción de antigos monumentos megalíticos. Incluso o Camiño de Santiago, un dos sinais de identidade desta terra e dos seus principais atractivos turísticos, identificouse tradicionalmente coa Vía Láctea. Por iso, resulta lóxico que outra manifestación turística en alza, como é o caso do turismo astronómico, estea a comezar a calar con forza nesta terra e que cada vez sexan máis as administracións e entidades que decidiron alzar a vista cara ao ceo e sentar as bases para converterse en punto de referencia neste ámbito, recolle na súa web o Clúster Turismo de Galicia. 

Así o demostra o número crecente de localizacións de toda Galicia que obtiveron xa algunha das certificacións que concede a Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, en recoñecemento a “aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación”. Existe unha decena de modalidades diferentes de certificación adaptadas a distintos tipos de espazos e promotores. No caso de Galicia, son xa sete os lugares que dispoñen dalgunha destas acreditacións que avalan a calidade dos seus ceos e o esforzo realizado para favorecer a observación.

Os montes de Trevinca, no municipio ourensán da Veiga inauguraron a listaxe en Galicia en agosto do 2015 ao converterse en Destino Turístico Starlight. Menos de medio ano despois, en xaneiro do 2016, o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia obtiña ese mesmo certificado que premia a aqueles “lugares visitables, que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural”. O municipio lucense de Muras sumouse a esta mesma listaxe en decembro do 2020.

No ano 2019, a Casa Rural A Pedreira (Cuntis) convertíase en Aloxamento Starlight, categoría que recoñece aos establecementos que ademais dunha calidade acreditada, “convértense en propagadores dos valores contidos na Declaración da Palma, en Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas”. Así mesmo, o establecemento Albari Campo Stellae (Oleiros) e o Cámpoing Illas Cíes (Cíes, Vigo) gozan desde o 2021 e desde este ano, respectivamente, da consideración de Campamentos Starlight por ser instalacións que promoven un turismo sostible, respectuoso co medio ambiente e proteccionista co ceo nocturno ofrecendo ademais actividades de promoción do coñecemento do ceo estrelado. Pola súa banda, o Faro de Avión, en Covelo, foi certificado como Paraxe Starlight, o que acredita a calidade do ceo na zona, aínda que non se realizaron aínda actividades astronómicas.

Esta listaxe podería crecer proximamente debido a que xa hai varias iniciativas en marcha para lograr novas certificacións Starlight en Galicia. É o caso da que promove o Concello de Lalín para a zona do Alto do Costado ou da que impulsa a Costa da Morte Asociación Turística para esa comarca.

Para obter o certificado Starlight hai que someterse a un proceso de auditoría no que se avalían diversos aspectos: a calidade do ceo, tanto nocturno como diúrno; as estratexias levadas a cabo en materia de iluminación intelixente e innovadora; os recursos técnicos e as infraestruturas postas ao dispor da observación do ceo; a implicación do sector público e privado, a comunidade local e outros actores na configuración dunha oferta de calidade; a estratexia para xestionar os recursos asociados coa astronomía; a satisfacción dos usuarios; a xestión do coñecemento (investigación, innovación, educación e información), e a macroxestión do programa Starlight.