A Xunta de Goberno celebrada este lunes deu conta da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza Galicia (TSXG) número 169/2022 do 8 de abril, pola que se estima o recurso de apelación interposto polo Concello de Santiago, declarándose ilegal e ilegalizable unha vivenda de uso turístico situada na cidade histórica e ordenando, ademais, o seu peche baixo apercibimento de execución forzosa.
A sentenza, faborable os intereses municipais, é firme e non susceptible de recurso. Nela o TSXG marca unha clara distinción entre as habilitacións autonómicas e as municipais para o exercicio desta actividade. Deste xeito, a declaración responsable autonómica prevista no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia, non é suficiente para a apertura dun piso turístico, sendo preciso ademais, a correspondente autorización municipal en forma de comunicación previa.
Ademais, a sentenza contén un pronunciamento da máxima relevancia, ao considerar que o uso turístico non pode asimilarse ao uso de vivenda, senón ao uso hoteleiro, polo que xa dende a aprobación do PE-1 (24 de marzo de 1997), o dito uso era incompatible co de vivenda, agás en edificación exclusiva.