O presidente da Deputación de Lugo arroupou a Festa ó Emigrante de Pol



O Presidente de Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este mércores á XXXVII Festa ó Emigrante de Pol, xunto ao Alcalde da localidade, Lino Rodríguez Ónega, e os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O mandatario provincial felicitou ao Concello pola organización desta nova edición do encontro, que, despois de dous anos de restricións pola pandemia, reuniu de novo a centos de persoas na Carballeira de Mosteiro.

José Tomé puxo en valor a Festa ó Emigrante de Pol como un referente do calendario sociocultural lucense, “que rende unha merecida homenaxe aos veciños e veciñas que tiveron que marchar na busca dun futuro máis próspero, que fomenta o arraigo e o orgullo de pertenza á Pol, á nosa provincia e a Galicia, e que, ao mesmo tempo, contribúe de maneira moi importante a dinamizar o noso rural e a economía local”.

O festexo deu comezo a mediodía con música tradicional e cun pasarrúas a cargo da Tuna de Veteranos da Coruña. Tras a misa, Beatriz Corbo Tellado, licenciada en Dereito e xefa de servizo no Ministerio de Xustiza, foi a encargada de ofrecer o pregón. Seguidamente, descubriuse a placa do XXXVII aniversario da Festa ó Emigrante e comezou a sesión vermú a cargo da orquestra Solara para dar paso ao tradicional xantar. Xa pola tarde, os máis pequenos contarán con xogos tradicionais e creativos e a charanga Louband animará aos asistentes. O peche será a cargo das orquestras Solara e La Fórmula.