O Lérez Up ou a cultura friki este fin de semana en Pontevedra



I
deado co obxectivo de ser un punto de encontro no sur de Galicia para todos os amantes dos videoxogos e a cultura friqui, o Lérez Up aspira a ser algo máis ca iso, ao contar con máis de 700 asistencias confirmadas nesta última fin de semana de agosto.

O evento, organizado pola asociación pontevedresa Gaming Troop en colaboración co Concello de Pontevedra, aposta por unha programación ecléctica que combina diferentes elementos, como son os torneos de videoxogos, stands de artistas locais, comerciais e asociacións; zonas de descanso, foodtrucks, espazos de xogo libre, espazos retro, cosplay...

Cómpre destacar o torneo estatal de Super Smash Bros. Ultimate -o xogo de Loita de Nintendo, máis vendido da historia deste tipo— que conta con máis dun cento de persoas inscritas- é a primeira competición deste tipo, de tal importancia, que se fai en Galicia.

En total, haberá 65 stands diferentes entre artistas, comercios e asociacións, amais de catorce zonas con actividades de seu onde participarán un total de dez entidades galegas diferentes. Tamén haberá 13 espazos interiores e un espazo exterior complementario fóra do recinto, na Illa das Esculturas.

O Concurso de Cosplay terá o seu propio escenario, e contará con charlas e até unha actuación musical. Así, tamén haberá obradoiros de caligrafía xaponesa, de debuxo, de confección de pezas de roupa, concursos varios, sorteos e máis de 25 torneos en consola e ordenadores, todos eles con premio grazas aos patrocinadores que apoiaron o evento, xogos de mesa, xincanas, xogos independentes, retro... Unha auténtica xornada sen parada.

Xa foron vendidas máis de 400 entradas anticipadas a través da web de Gaming Troop. Hai, ademais, 219 persoas acreditadas, 117 persoas inscritas ao nomeado torneo de Super Smash Bros. Ultimate e 40 persoas para o de League of Legends e Valorant. A entrada para un día é de 3 euros e de 5 euros para os dous días, como un abono.