O I Festival Internacional de Ilusionismo desembarca en Ferrol


O I Festival Internacional de Ilusionismo ‘Galicia Ilusiona’ desembarca na cidade en dúas ocasións. A primeira será este propio mércores, 17 de agosto, cun espectáculo na Praza de Armas, de balde, no que un dos mellores escapistas do mundo, Víctor Cerro, deberá liberarse dunha corda de máis de 60 metros. Será ás 20.30 horas, tal e como anunciou o concelleiro de Cultura e Festas, Antonio Golpe.

O día 17 de setembro, ás 20.30 horas, no Teatro Jofre, celebrarase a Gala Internacional Máxica, na que participarán cinco dos mellores ilusionistas do planeta. Hyun Joon Kim, de Korea, obtivo o primeiro Premio Mundial de Manipulación e logran que miles de cartas aparezcan na punta dos seus dedos a un ritmo vertixinoso. Jimmy Delp (Estados Unidos), gañou o premio internacional ao Mellor Mago Cómico. Como receen quitado dunha serie de debuxos animados, este mago recrea situacións totalmente insólitas. Arno (Francia), premio mundial de ilusionismo, ofrece un dos números máis aplaudidos e premiados da historia da maxia mundial. Huang Zheng (China), obtivo o Premio Anéis Máxicos e presentará o seu galardoado número ‘Aire’, de maxia oriental. Por último, o galego Dani Polo, premio Ali Bongo e mago revelación europeo 2018, é experto en facer aparecer a persoas da nada, que voan ou se teletransportan. Ademais, o festival, no marco da programación Xacobeo 21-22, chegará tamén o día 16 de setembro á sección de pediatría do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. É unha “gran oportunidade para poder gozar da mellor calidade posible e dos números máis premiados e recoñecidos por ilusionistas de todo o mundo”, apuntou o edil, quen animou á poboación a acudir ás actividades programadas en Ferrol.

Na presentación estiveron presentes os directores do festival, Dani Polo e Pedro Bugarín, e a delegada da Xunta, Martina Aneiros. Bugarían lembrou que o festival inclúe máis de 200 actuacións en Galicia e Polo adiantou que o deste mércores será un espectáculo moi visual no que tres voluntarios atarán a Víctor, se non escapa, entregará 1000 euros a cada voluntario. A delegada da Xunta valorou o festival como unha aposta “moi orixinal”. As entradas para a actuación no Teatro Jofre xa están á venda en https://galiciailusiona.es/