O home e o can estrearase na XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense


A película "O home e o can", patrocinada pola Deputación ourensana, estrearase na XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense dentro da sección oficial. "Unha produción que nos permite seguir dando pasos importantes nesa aposta por converter a provincia nun gran plató para producións audiovisuais", resaltou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, despois de asistir no Teatro Principal á proxección dun avance do filme dirixido polo cineasta Ángel de la Cruz e protagonizado por Manuel Manquiña.

"O home e o can" foi rodada integramente na provincia de Ourense, en localizacións de San Cristovo de Cea, Ourense e San Cibrao das Viñas. A película é unha homenaxe ao neorrealismo -gravouse en branco e negro-, con forma dun drama arredor da soidade dos maiores e a crise demográfica do rural.

A súa gravación coincidiu en Ourense con outros catro proxectos audiovisuais -as películas "La manzana de oro", "13 exorcismos" e "Honeymoon", ademais da serie "Motel Valkirias"-, nun ano na que tamén se rodaron, este mesmo verán, producións como "Amigos hasta la muerte" e "El tirabeque".

"O home e o can" é un dos froitos da Deputación dentro da súa aposta polo sector audiovisual, con fitos como o rescate do Festival de Cine Internacional de Ourense, a alianza coa Academia Galega do Audiovisual -que celebrará os Mestre Mateo do 2023 en Ourense- ou a creación da Ourense Film Commission, unha ferramenta deseñada para mellorar a viabilidade das producións rodadas na provincia mentres se afonda no retorno socioeconómico ao territorio.

Este novo órgano de xestión creado pola Deputación para seguir avanzando no traballo de situar á provincia como un dos mellores destinos de rodaxes -coordinando e atraendo ao territorio todas as producións posibles- será presentado de xeito oficial ao sector audiovisual na próxima edición do OUFF, que se celebrará do 23 de setembro ao 1 de outubro e que este mesmo luns presentou a cartalería oficial, cunha imaxe central obra da artista visual Isabell Seidel.