O Club do Produto Galicia Destino Sostible conta con 20 empresas nun mes


Outras seis empresas adheríronse ao Club de Produto Galicia Destino Sostible. O comité de avaliación do Club deu a pasada semana o visto e prace á incorporación destas novas entidades, entre aloxamentos, axencias e provedores de oferta turística complementaria que, en breve, publicarán as súas ofertas na web www.galiciadestinosostible.com.

As novas empresas adheridas son Ruteart, Parxxis inclusión cooperativa galega, Hotel O Semáforo de Fisterra, Camping Paisaxe II, MEGA Mundo Estrella Galicia e Tee Travel. Este grupo súmase ás trece xa integradas durante o mes de xullo: Rodeimar Apartamentos, Sinte Galicia, Albarari, Hotel Bela Fisterra, Casa do Cacheiro, Club Náutico de Portonovo, Hotel Bosque Mar, Simply Galicia, Loirygar SL (A Quinta da Auga), Viajes Tambre SL, Ribeira Sacra Leisure & Lodging, Casa das Xacias, Alecrín actividades y aventura e Atlantis Adventure Turismoi Activo SL.

Polo menos outras 15 xa mostraron interese en incorporarse ao Club de Produto Turístico que ten como obxectivo actuar como un hub que integre toda a oferta turística sostible de Galicia.

O Clúster Turismo de Galicia presentou o pasado 11 de xullo esta iniciativa para impulsar o turismo sostible en Galicia e converter ao destino nun referente neste ámbito a nivel nacional e internacional. Galicia Destino Sostible conta co apoio e financiamento da Xunta, a través dun convenio asinado entre a Axencia Turismo de Galicia e o Clúster.

Ao novo club de produto pode adherirse calquera empresa galega pertencente aos subsectores categorizados como aloxamentos, restaurantes, axencias de viaxe e provedores de oferta turística complementaria que cumpran cos requisitos esixidos. As empresas que xa teñan algunha certificación oficial de sustentabilidade (S do ICTE, Biosphere, Green Key, EU Ecolabel, Green Globe21, Travellife, Rainforest Alliance Certified, Estrela Verde da Guía Miclín, etc.) ou unha certificación ambiental (ISO 14000, EMAS, etc.) poderán adherirse directamente ao club, pois estes son considerados requisitos habilitantes. As empresas que non teñan algunha destas certificacións poderán igualmente adherirse ao club a condición de que cumpran co 100 % dos requisitos obrigatorios e, polo menos, o 33 % dos considerados valorables.