O castelo de San Felipe aumentou as súas visitas un 12 %


O Castelo de San Felipe recibiu ao longo do pasado mes de xullo máis de 6.530 visitas, o que supón un aumento do 12% respecto ao mesmo período do ano anterior, con 5.790 persoas. Foi a mediados do mes de xullo cando o Concello inaugurou na fortaleza, na Sala Cureñas, a exposición ‘Brión 1800, a vista de click’, un diorama de gran formato que reproduce, con figuras de Playmobil, a batalla de Brión. Trátase dunha montaxe organizada polo Concello de Ferrol e membros da Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil (Aesclick) coa colaboración do Tercio Norte. 

A recreación, na que se poden ver aspectos coma o desembarco británico na praia de Doniños, a lagoa, o propio castelo de San Felipe ou os combates nos montes de Brión, está composta por un total de 700 figuras de soldados e civís, xunto as que se colocaron todos os elementos necesarios para completar a ambientación, como barcos, armas, animais, árbores e edificacións. ‘Brión 1800, a vista de click’ ocupa unha superficie de 18 metros cadrados dentro da sala de Cureñas. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, acudiu esta fin de semana á exposición e lembrou que se pode visitar ata o 15 de outubro no horario habitual do castelo: de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas todos os días da semana.

Desde xaneiro ata xuño do presente ano accederon ao Castelo de San Felipe máis de 16.200 turistas. No mesmo período de 2021 foron preto de 7.400 as persoas que visitaron a fortaleza tendo en conta que en xuño permaneceu pechado preto dun mes por mor das obras de rehabilitación e mantemento executadas polo Concello. 

O Castelo de San Felipe vai ser tamén o principal recurso turístico no programa de ceas en lancha que ofrece o Concello a partir do próximo venres, tal e como presentou a pasada semana a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus. A embarcación fondeará fronte a fortaleza e ofrecerá menús aos turistas os días 19, 20, 26 e 27 de agosto e os días 2, 3, 9 e 10 de setembro. Reservas en https://www.viaxesgalitur.com/