Nova imaxe corporativa para o turismo rural galego


A Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) aproveitou o epicentro da tempada estival para renovar a súa imaxe e presentar o novo vídeo promocional da súa campaña A Sinfonía dos Abrazos a través do seu portal Galicia Turismo Rural.

A nova imaxe corporativa componse de tres elementos cos que pretende simbolizar os valores e a oferta dos establecementos que integran a entidade: unha xanela, “como metáfora das nosas casas, o ave como símbolo de todos os seres vivos que habitamos esta terra, e a estrela, cal reflicto que guía, identifica e permanece na memoria”. “Sendo conscientes da diversidade que cada un dos aloxamentos de turismo rural ofrece, pois cada casa ten a súa historia, cremos que a imaxe dunha xanela na que un paxariño, un pequeno ser vivo alegre e cantor que, logo de contemplar a súa contorna e as estrelas, disponse a iniciar un novo voo en busca de máis vida, simboliza, recolle e mostra de forma acertada a esencia do turismo rural de Galicia”, explican desde a entidade según recolle na súa wen o Clúster Turismo de Galicia.

A proximidade da tradicional choiva de estrelas das Perseidas, tamén coñecidas como as Bágoas de San Lorenzo, foi un dos motivos que impulsou aos responsables de Fegatur a realizar agora a posta de longo desta nova imaxe, así como dun novo vídeo promocional da campaña A Sinfonía dos Abrazos iniciada a comezos deste ano. Nesta ocasión, o traballo audiovisual leva por título A Sinfonía dos Abrazos Verán e convida o público a gozar do turismo estival en Galicia poñendo o foco nos atractivos dos nosos ceos nocturnos e a contemplación das estrelas.