Noalla repartirá 23.000 ostras na súa festa gastronómica


Noalla recupera tras dous anos de pandemia a súa tradicional Festa da Ostra que cumpre nesta edición 29 anos. Os membros da Comisión de Festas de Virxe do Carme, con Roberto Garrido á cabeza, xunto á concelleira de Cultura, Paz Lago, e o concelleiro da parroquia, Daniel Arosa, presentaron a cita na Casa cunha degustación dos produtos.

Para a ocasión instalarase os días 12, 13 e 14 de agosto unha carpa nas inmediacións do campo de fútbol lugar onde a partir das 11 da mañá poderanse degustar deliciosas ostras a un prezo de 10 euros a ducia. O viño elixido para a ocasión será un albariño de Ribadumia, Marqués de Abraldes cun prezo de 9 euros a botella. Os asistentes tamén poderán tomar outros deliciosos produtos como mexillóns, polbo, churrasco, empanada, arroz de marisco... Varios grupos musicais amenizarán a cita durante os días que dure a celebración.

A organización ten reservadas un total de 23.000 unidades de ostra na depuradora Daporta para garantir a subministración fresca do produto durante as tres xornadas. A cita que xa está plenamente consolidada no calendario festivo do municipio regresa cun gran respaldo, segundo destacou Garrido, e con "moita ilusión de poder levala a cabo un ano máis tras estes anos difíciles".