Niñodaguia toma o relevo de Buño para gozar do barro este fin de semana


Recién rematada a Mostra da Olería de Buño, no concello coruñés de Malpica, o referentes artesanl desta tradición de dar valor ó barro, pasa o protagonismo agora o Museo Obradoiro de Olería de Niñodaguia, no concello ourensano de Xunqueira de Espadanedo.

Esta localidade acolle dende este vernes 12 ao domingo 14 de agosto a oitava edición do Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia, un evento gratuíto aberto a veciños e visitantes e coorganizado por este museo municipal e a Asociación Amigos do Barro de Niñodaguia, coa colaboración da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, participou na presentación do Encontro de Cacharreiros, acompañado polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, e os organizadores Mónica Blanco, guía cultural do museo de Niñodaguia e Agustín Vázquez, presidente da Asociación Amigos do Barro de Niñodaguia.

César Fernández destacou o deseño dun evento que "une a un oficio tradicional da nosa cultura con obradoiros, exposicións e a música", en referencia a actividades como os concertos programados para a noite do sábado 13 no museo: as Cantareiras de Niñodaguia (21,30 horas) e Emilio Rúa (22,00 horas)

O alcalde de Xunqueira de Espadanedo resaltou a traxectoria dunha xuntanza que "naceu como unha aventura" e destacou a "enorme axuda da Deputación e a Xunta, con apoios como o da presidenta de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro". Carlos Gómez avanzou na rolda de prensa que "seguiremos renovando e impulsando este encontro para reivindicar a cultura do barro".

Pola súa banda, Mónica Blanco convidou a todos, "dende nenos a os maiores" a participar neste Encontro de Cacharreiros, "deseñado para poñer en valor esta cultura e co que resaltamos que este oficio ten pasado, presente e, sobre todo, ten futuro". E o cacharreiro Agustín Vázquez remarcou a importante presenza de artesáns nesta xuntanza, "pensada para que todos os que queiran podan tocar o barro e que nos lembran que o que temos en Niñodaguia é un referente".

O VIII Encontro de Cacharreiros celebrarase no Museo Obradoiro de Olería de Niñodaguia este fin de semana, con horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas. E nel participarán os cacharreiros Carlos Lima -de Tendela, Portugal-, Carlos San Claudio -de Bembrive-, Antón Román -de Gondomar-, Susana González -A Coruña-, María Méndez -Pontevedra-, e Enrique Cabana e Agustín Vázquez, de Niñodaguia. Ademais, na xuntanza tamén estará o Carliños Cesteiro -de Santa María de Oia- e o torneiro de madeira Adrián Pena.