Lobios recupera a Festa dos Callos Limianos, un homenaxe os emigrantes


A Deputación de Ourense colabora co Concello de Lobios na celebración da XXIII edición da Festa dos Callos Limiaos, que se celebrará este domingo, 21 de agosto, nunha xornada que tamén inclúe a XIII Carretada de Lobios.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, reuniuse coa alcaldesa de Lobios, Maricarmen Yáñez, para repasar os detalles dunha festa que está organizada pola Asociación Cultural da Festa dos Callos e da Carretada. César Fernández resalta o valor dunha festa que "reivindica a nosa cultura tradicional cunha coidada programación que mellora ano a ano", destacando ademais o rol destes eventos como "axentes dinamizadores do territorio".

Pola súa banda, Maricarmen Yáñez valora a importancia de recuperar a Festa dos Callos Limiaos despois do parón provocado polo covid, "unha xornada deseñada coma homenaxe para todos os emigrantes que pasan as súas vacacións en Lobios". A alcaldesa destaca o xantar popular "baseado neste prato tan típico da nosa zona, e que este ano estarán elaborados a través da receita do cociñeiro de Lobios Domingo González". A rexedora tamén valora a celebración da feira de artesanía, a participación da banda de música de Lobios -"que ten orixe en 1879"- e a Carretada de Lobios, "unha proba singular: os participantes terán que tirar dun carro de vacas por parellas, para probar a súa forza física e destreza".

Dentro da programación da xornada festiva do domingo 21 de agosto en Lobios, a feira de artesanía arrancará as 11,30 horas e as 13,30 horas abrirá as portas o pavillón municipal para a degustación dos callos limiaos -elaborados con aceite de oliva virxe extra de Aceites Abril-, cun menú que abarca, por 12 euros, pastel de centolo, unha ración de callos con cazola de recordo, pan e arroz con leite. O xantar estará amenizado pola banda de música de Lobios, previamente protagonista da alborada (12,00 horas).

A xornada tamén inclúe unha festa acuática na piscina municipal (a partir das 15,30 horas), ambientación musical da Charanga CLK e a XIII edición da Carretada de Lobios, con categoría infantil, xuvenil e senior.