Izal súmase ao cartel do Caudal Fest de Lugo


O Caudal Fest (#AúltimaGranFestaDoVerán) de Lugo suma un novo grupo ao seu cartel deste ano, Izal, que se atopa na súa xira de despedida como banda, Hogar, e que elixiu o parque do Miño lucense para decirlle adeus aos seus fans de Galicia. Celebrarase do 16 ao 17 de setembro, e este luns 29 de agosto, ás 12:00 horas, poñeranse á venda as entradas para cada xornada do festival.

O cartel desta edición presenta unha gran calidade e variedade musical con artistas e grupos consolidados e outros de recente proxección que arrasan entre a mocidade.

Así, o Caudal volverá ser o epicentro da música en directo en Galicia con actuacións como as de: Robe, que durante máis de tres décadas actuou como líder de Extremoduro, a maior banda de rock en castelán de todos os tempos; Estopa, un dos fenómenos musicais máis importantes das últimas décadas en España; Morad, o artista emerxente máis escoitado a nivel nacional dentro do xénero urbano; ou Izal, unha das formacións máis grandes dos últimos dez anos no noso país.

León Benavente, Ilegales, Delaossa, Cupido, Ciudad Jara, Mujeres, Fresquito y Mango son outros dos nomes destacados do festival de Lugo neste 2022. Así mesmo, a presenza de artistas galegos tamén está garantida coas actuacións de Terbutalina, Grande Amore ou Apart, así como dos lucenses de Forget La France e Infrarroja.