Galicia salienta os esforzo dos produtores pesqueiros na remuda xeracional


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este venres o labor que levan a cabo as organizacións de produtores pesqueiros (OPP) de Galicia para facer fronte a algúns dos principais retos aos que se enfronta o sector do mar, como a falla de remuda xeracional ou a mellora da comercialización dos seus produtos. Así o asegurou durante un encontro mantido con representantes da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo, que ten en marcha distintas accións relacionadas con estas problemáticas e que contan co apoio da Xunta .

Unha delas é a campaña Faite do mar, coa que a entidade pretende promocionar o emprego no sector pesqueiro favorecendo a incorporación das mozas e mozos galegos á actividade. A titular de Mar salientou a importancia deste tipo de iniciativas –que se desenvolve mediante visitas a distintos centros formativos, accións online, xornadas de portas abertas e a través das redes sociais- para amosarlles aos máis novos que a pesca é unha boa alternativa laboral e de futuro. Nesta liña, a OPPF-4 impulsa este ano unha acción formativa específica de contramestre para facilitar a capacitación das persoas interesadas en exercer esta profesión.

Así mesmo, co ánimo de darlle valor aos produtos do mar, a entidade tamén impulsou a marca de calidade Fresco e Salvaxe, coa que pretende dar valor aos produtos frescos que comercializa a súa frota (pescada, rapante e peixe sapo, principalmente). Este distintivo certifica a orixe salvaxe e a frescura do peixe e a súa captura con artes de pesca tradicionais por parte dos buques adheridos á marca, que está aberta a armadores e vendedores de toda España.

Rosa Quintana indicou que ambas iniciativas contribúen a impulsar o sector e desenvólvense ao abeiro dos plans de produción e comercialización da OPP, que contan co apoio financeiro da Administración autonómica. De feito, lembrou, a Xunta destina este ano 2,1 millóns de euros para os plans aprobados e executados polas organizacións de produtores pesqueiros e da acuicultura en 2021, uns apoios que están cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Mediante estas achegas, as OPP poden afrontar gastos como os de persoal, material, equipamentos ou desprazamentos derivados da preparación e aplicación dos plans, que inclúen aspectos como o programa de produción para as especies capturadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás exixencias do mercado e medidas preventivas especiais para as especies con dificultades de comercialización.

A titular de Mar explicou que o obxectivo destas axudas e das accións promovidas polas OPP é evitar e reducir as capturas non desexadas e contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca, así como favorecer a eliminación da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Ao mesmo tempo, os proxectos apoiados tratan de fomentar a rendibilidade económica e o abastecemento de alimentos, impulsar o emprego nas zonas rurais e reducir o impacto ambiental na pesca apostando polo exercicio de actividades viables e sustentables, entre outras cuestións.
Apoio á unión de sinerxías

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, lembrou que a estas axudas para os plans de produción e comercialización das organización de produtores pesqueiros se engaden tamén as de creación de novas OPP ou das súas asociacións, cuxas bases saen hoxe publicadas no Diario Oficial de Galicia e contan cun orzamento de 200.000 euros, tamén cofinanciadas co FEMP.

Todas estas iniciativas, tal e como apuntou a conselleira na súa visita en Vigo, buscan mellorar a comercialización dos produtos do mar, favorecer o crecemento do sector e o desenvolvemento das zonas costeiras, polo que avogou por seguir apostando pola cogobernanza co sector para fomentar a rendibilidade da frota así como a economía do conxunto de Galicia .