Forte reactivación turística en Santiago no mes de xullo


Os establecementos hoteleiros de Santiago xa superan as pernoctacións acumuladas nos sete primeiros meses do ano 2019 confirmando a forte reactivación turística da cidade. En xullo acadaron o máximo histórico neste mes con 181.156 pernoctacións, cun cremento do 12,73% respecto ao mesmo mes do 2019, segundo os datos do INE.No acumulado do ano, de xaneiro a xullo, Santiago suma 789.695 pernoctacións, situándose por riba das 786.577 recollidas neste mesmo periodo do 2019, ano no que se conseguíu o record anual de pernoctacións na cidade.

Os datos de pernoctacións de xullo recollidos polo INE, sumados aos datos de evolución do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro recollidos por AENA, que destacaban un crecemento mensual do 20% respecto a xullo 2019, máis os datos de Compostelas entregadas pola Oficina de Acollida ao Peregrino, confirman a forte reactivación turística, situando a demanda turística da cidade xa por riba dos datos pre-Covid.

Segundo os datos do INE, a recuperación da demanda turística de Santiago está sendo máis rápida que a media española, tal e como está sucedendo tamén no aeroporto. Así, neste mes de xullo, fronte ao crecemento do 12,7% de Santiago respecto do 2019, a media española aínda se situou por baixo dos datos pre-Covid, cun descenso do 2,1%.