Fin de semana báquico en Salvaterra, chega a XLIII Festa do Viño do Condado




Salvaterra do Miño pon broche final ás grandes citas báquicas estivais dos grandes brancos Rías Baixas, pois dende mañán venres e ata o domingo celébrase a XLIII Festa do Viño do Condado, coa cata dos denominados Viños Deliciosos do Ano e o nomeamento dos novos membros da Confraría dos Viños do Condado. A todo elo hai que engadir os concertos que teñen lugar no recinto amurallado, onde se instalan as casetas das adegas.

O mundo do viño ten un peso moi importante en Salvaterra, capital do viño do Condado do Tea onde lle adican, como salienta a alcaldesa Marta Valcárcel “dúas festas adicadas a un produto que nos identifica como pobo, a Festa do Viño do Condado do Tea (a segunda festa gastronómica máis antiga de Galicia e declarada Festa de Interese Turístico) e a Festa do Viño Espumoso, ademais de contar cun dos mellores museos interactivos adicados ao viño”.

“En Salvaterra o sector vitivinícola ten un peso económico moi importante, xa que contamos con numerosas adegas cun nivel importante de exportación, ademais dun número moi elevado de viticultores que dunha forma íntegra ou como complemento viven tamén da viticultura. Pero para nós o mundo do viño ten un significado máis amplo que o económico, xa que é unha forma de entender, sentir e vivir o rural, a viticultura forma parte do noso día a día, en calquera casa pódeste atopar cunha parra de viña, xa sexa por negocio ou para autoconsumo”, engade a alcaldesa.

Salvaterra ten outros atractivos, por un lado as súas festas, a súa historia co recinto amurallado, o Castelo (onde se ubica o museo da Ciencia do Viño) e a Casa do Conde. A nivel medioambiental co Parque Público a Canuda, máis de 200.000 metros de zona verde no propio centro urbano, e os seus 30 quilómetros de sendas verdes polos seus ríos. E dende xullo únese outro espazo que vai facer que a capital do viño do Condado sexa tamén un referente a nivel termal, co Espazo Lúdico Termal de Teans – Oleiros, unha zona ao aire libre á beira do Pai Miño.

Programación:

Durante o xoves 25, venres 26 e sábado 27 celebrarase no Museo dá Ciencia do Viño do Condado o Túnel do Viño. O prezo por visita ascenderá a 15 euros. Tamén o sábado 27 pero a porta pechada terá lugar na Casa do Viño (recinto amurallado) a cata á procura dúas viños deliciosos do ano. 
Ao longo das tres xornadas os asistentes poderán gozar cos concertos de Voces do Arrieiro, A Quinkillada e Vos Vacalouras (venres 26 ás 22.30 horas); Xisco Feijoó e Lucía Pérez (sábado 27, 23 horas); Almudena Lamora e Adrián Pérez e Amnesia, o doningo a partir das 19.00 horas. A entrada aos concertos é gratuíta.