Ferrol promove unha nova edición do programa de formación Sicted


O Concello de Ferrol continúa coas accións destinadas a promover a actividade e calidade turística na cidade. Neste senso, a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, anunciou esta mañá que xa está aberto o prazo para que novas empresas e profesionais do sector turístico súmense ao proxecto de calidade turística e formación Sicted (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), que se retomará no mes de setembro.

As empresas con sede en Ferrol interesadas en participar poden presentar a súa documentación ata o día 2 de setembro a través do enlace: https://www.calidadendestino.es/Contenidos/AdhesionSistema.aspx.

Sicted é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido polo Instituto de Turismo de España (Turespaña), quen elaborou tamén a metodoloxía do programa, e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas e profesionais do sector turístico de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e satisfacción turística do visitante nun mesmo destino. Poden participar sectores como o do comercio, o taxi, aloxamentos turísticos, empresas de transporte turístico, restauración, guías turísticos ou museos, entre outros.

A participación no programa de formación é de balde para as empresas, entidades e servizos turísticos de Ferrol posto que está subvencionado polo Concello de Ferrol a través da Sociedade Mixta de Turismo. O obxectivo este ano é incorporar cinco novas empresas, xa que as prazas son limitadas, tal e como indicou a concelleira.

Ferrol traballa neste proxecto desde o ano 2012, sendo na actualidade 31 as empresas e profesionais do municipio que contan coa marca de calidade Sicted. É un “recoñecemento ao esforzo e compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia”.