Ferrol incentiva o comercio local con vales regalo




O Concello de Ferrol da un paso máis no seu esforzo por apoiar ao comercio ferrolán e incentivar o consumo nos establecementos da cidade coa segunda fase da campaña ‘O noso comercio, a nosa historia’. A primeria púxose en marcha no mes de marzo coa publicación cada 15 días en redes sociais (Facebook e Instagram e o canle de Youtube do Concello de Ferrol) de vídeos promocionais de establecementos locais. O obxectivo desta primeira parte, aínda en marcha e que goza dunha gran acollida, é concienciar á poboación sobre a importancia de consumir no comercio da cidade, da repercusión de dita merca na economía local e difundir a traxectoria máis persoal dos comercios.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, deu a coñecer agora ás asociacións de comerciantes e empresarios da cidade os detalles da segunda, que se activará desde finais de outubro ata mediados de decembro. Nas próximas datas sumaranse os comercios interesados na campaña.

Tras a fase de concienciación a través dos vídeos, dixo a concelleira, “agora queremos atraer ao público ao interior dos comercios ferroláns, incentivando de xeito directo o consumo a través dunha campaña de bonos ambientada na lenda do trasgo no final do arco da vella e a súa pota”.

Durante os cinco primeiros días da campaña o trasgo farase moi visible na cidade a través do reparto de rascas na rúa, en diferentes barrios de Ferrol, que levará nunha pota e que poderán estar premiados con vales de entre 2 a 400 euros para gastar no comercio local. “De este modo daremos a coñecer a campaña e animaremos á poboación a participar”, indicou a concelleira. Para que o trasgo entregue un rasca deberase subir unha foto a redes sociais.

A continuación dará comezo a campaña nos locais que se sumen ao proxecto deseñado polo Concello de Ferrol. Os rascas que se repartan por cada compra nos locais participantes poderán estar premiados con vales de entre 2 e 400 euros e serán de varios cores, cada un correspondente a un sector —roupa e calzado, librerías, decoración, sete en total—, polo que ademais de descubrir o importe (no caso de estar premiado), o consumidor saberá o sector no que se debe gastar. “Con este xogo co cor queremos encher de ledicia o comercio ferrolá e, por extensión, a nosa cidade”, apuntou a edil. Os establecementos colaboradores no proxecto de promoción lucirán un cartel identificativo co cor do sector ao que pertence.

Entre os vales non premiados celebrarase a principios do mes de decembro o sorteo dun único premio de 400 euros, que consistirá en varios vales para gastar en todos os sectores. Deste xeito, dixo a edil, “repartirmos e diversificamos o consumo”. A campaña rematará o 17 de decembro, antes de Nadal.