O Concello de Ferrol inicia este sábado, 20 de agosto, as festas de verán cunha nutrida programación de actividades dirixidas aos máis pequenos. A semana grande comezará ás 22 horas, co pregón a cargo da actriz galega Lucía Veiga, Norma na serie ‘Rapa’, en parte gravada en Ferrol, e o a continuación (22.15h) o concerto de música Pop dos anos oitenta coas actuacións de Alejo Stivel, Carlos Segarra, Javier Gurruchaga, Nacho García Vega, Rafa Sánchez e Vicky Larraz. o día 31 o broche final porao M-Clan.
Pero, en paralelo aos concertos para todos os públicos, celebraranse entre os días 20 e 31 de agosto unha decena de espectáculos e actividades para nenos entre os que se inclúen teatro, música, cine, xogos tradicionais e unha festa da escuma. Todo elo concentrarase no parque Raíña Sofía, de acceso libre. As sesións de cine de verán no parque proxectarán as películas ‘Dilili en París’, o día 27 de agosto, e ‘Coco’, o día 28. Ambas citas ás 21.30 horas.
O domingo, 21 de agosto, terá lugar a primeira das propostas infantís, ás 12 horas no Raíña Sofía. Será o espectáculo ‘A Feira das Sementes’. O luns, ás 19.30 horas, celebrarase ‘A illa sen tesouro’ e o martes 23, ás 18.30 horas, comezarán os pases para ver ‘O mago máis pequeno do mundo’. Serán en total seis sesións de media hora, ata as 21 horas. Neste caso o mago interactuará cos máis pequenos.
O mércores 24, ás 19.30 horas, ‘Adivina qué’, e o xoves, á mesma hora, ‘Sin remite’. O venres, ás 19.30 horas, ‘Quixote’ e o sábado e domingo terán lugar as sesións de cine de verán.
Xa o luns 29, ás 19.30 horas, ‘Concerto Confusión’ e o martes 30, a partir das 18 horas celebraranse tamén no Parque Raíña Sofía diversos xogos tradicionais. A continuación, ás 19.30 horas, dará comezo a festa da escuma. Por último, os nenos de Ferrol tamén poderán despedir as festas deste ano cos fogos de San Ramón o mércores 31, ás 23.30 horas, na enseada da Malata.