Esta tarde arranca a Feira do Viño de Monterrei en Verín


Un total de 18 adegas (das 28 amparadas) danse cita este fin de semana XV Feira do Viño de Monterrei que arrancou este venres á noitiña 1na verinesa Praza da Alameda. Trátase de Ladairo, Gargalo, Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adegas Terrae, Tapias Mariñan, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Bodega Abeledos S.L., Setembro, Bodega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Adega Manuel Vázquez e Serra de Alén.

Ademais dos stands das adegas, hai postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O horario de apertura dos stands será o seguinte: venres 12 de 20.30 a 23.30 h., sábado 13 de 12.30 a 14.00 h. e de 20.30 a 01.00 h., e domingo 14 de 12.30 a 14.00 h e de 19.30 a 23.30 h. Nesta edición, os prezos serán de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. Monterrei por dous euros.

Na inauguración desta edición participou o diretor da Agacal, José Luis Cabarcos, e alí reafirmou o compromiso da Xunta coa calidade no sector. A calidade é, segundo o director, o instrumento clave para diferenciar o produto galego e, neste caso, da denominación de orixe Monterrei.

Cabarcos aludiu por isto á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e en particular ao proceso de recuperación das variedades autóctonas mediante accións como o establecemento de polígonos de viñedo.
Nesta mesma liña, fixo referencia tamén á futura Lei da calidade alimentaria que impulsa a Xunta como un texto que marcará un antes e un despois na ordenación, fomento e promoción das producións galegas de calidade diferenciada.