En Cambados, todos os albariños


Quen busque vivir o pracer maduro e froiteiro do verán, quen busque a emoción e o sereno pracer que transmite a cultura e a compañía do viño, das súas terras, dos seus homes e mulleres. Quen queira vivir a autenticidade do humanismo hedonista, a festa das parras protectoras, a cita aberta e promiscua coas uvas no cerne dos Rías Baixas..., ha saber, se xa non o sabe, que en Cambados, cando a canícula de agosto albisca, este ano na súa septuaxésima edición con 10 días de festa (do 29 de xullo ao domingo 7 de agosto), saúdase a ultima colleita, ábrense as botellas coidadosamente elaboradas para seren presentadas en sociedade, os tesouros báquicos do ano.

Unha festa, a do Albariño, de Interese Turístico Internacional, de deseño actual, coa raigame de case tres cuartos de século, cando os pioneiros aínda abillaban, o que agora se serve con elegancia e deseño,

Nestas datas Cambados, a capital do Albariño, vila señorial e soñador -sempre disposta e agarimosa antes e despois- brinda atractivos complementarios ao tempo que incita, con bo sabor da copa de Albariño no padal, a buscar e gozar tamén do patrimonio material e inmaterial que decoran os solpores desde o mar de Arousa...

É a festa do abrazo entre aborixes e “veraneantes”. Cun viño auténtico e agarimoso, din que o mellor branco do mundo. Non o perdades, alá imos a celebrar...

Son días de festa e música, de cata oficial para proclamar os mellores Rías Baixas do ano, de nomeamento de damas e cabaleiros do Capítulo Serenísimo da Orde do Albariño, de amizade e brindes compartidos nas casetas do Albariño que se instalan no Paseo de Calzada, ou nos bares e restaurantes desta vila que ten na vieira outro dos seus baluartes gastronómicos.