...E para comer Lugo, diez años promocionando la provincia en La Vuelta


Este ano o posto …E para comer, Lugo volverá a estar en La Vuelta Ciclista a España, así foi anunciado nun acto celebrado na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo. Na presentación, participaron o secretario de Apehl, Jacobo García-Bobadilla; o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de La Vuelta, Javier Guillén, que estiveron acompañados de representantes dos diferentes colaboradores desta edición e de personalidades políticas a nivel local e autonómico.

A promoción gastronómica e turística da provincia de Lugo, que cumpre dez anos en La Vuelta, levarase a cabo instalando o stand …E para comer, Lugo na zona VIP das saídas de etapa. Será o persoal da Asociación quen atenderá os asistentes (ciclistas, patrocinadores, xornalistas especializados…) e, a maiores de servir aperitivos elaborados con produtos da terra, difundirá exemplares da última edición da guía turístico gastronómica …E para comer, Lugo.

Na súa intervención, García-Bobadilla agradeceulles o seu apoio á Xunta de Galicia, a La Vuelta e máis aos produtores lucenses, xunto ás súas asociacións e consellos reguladores, que abastecen o posto da materia prima necesaria para realizar as degustacións. Lembrou o comezo desta aventura polo 2012 e subliñou que “con este ano van ser xa 10 as veces que estaremos presentes en cada saída de etapa desta competición deportiva tan seguida no noso país e que acaba por ser unha gran plataforma para nós”.

Nesta lista de colaboradores atópanse os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, San Simón da Costa, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Avimós, Asovega, Asoporcel, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, Afapan, Aceite de Quiroga e Acruga. Segundo o secretario da Apehl, “son os mellores representantes que podemos ter ante o público”.