O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Alberto Oubiña, presentou a programación oficial do Lérez Up, unha cita de ocio, lecer e encontro que mesturará videoxogos e cultura friqui baixo unha mesma bandeira e un mesmo espazo entre o 27 e 28 de agosto.
"Na última fin de semana de agosto, Pontevedra vai acoller a primeira edición deste salón", lembrou Oubiña. "É unha cita pensada para os fanáticos dos videoxogos, do manga e doutras ramificacións culturais que entran dentro da chamada cultura friqui. É un evento organizado desde o Concello, en colaboración coa asociación Gaming Troop, e incluirá obradoiros, charlas, competición e ocio; un espazo no que descubrir novos videoxogos, novos e antigos".
Na práctica, e tal e como sinalou o edil, o evento xa comezou, pois xa está iniciado o torneo de League of Legends, que nas fases previas da competición xa conta cuns 130 participantes. A fase final deste torneo terá lugar no Recinto Feiral de Pontevedra, no propio espazo do evento.
Tamén haberá torneos de Valorant e Smash Bros. Ultimate, contando este último con máis de 100 participantes do Estado e do Portugal, e será o torneo máis grandes organizado en Galiza até o momento.
Tamén haberá máis de 50 postos de consolas e ordenadores para xogo libre e torneos pequenos sen inscrición previa. «Queremos que sexa un espazo para todas as idades, un espazo seguro para todos os públicos», explicou o edil. «Os xogos poden verse na páxina web do evento, pero hai de todo: o Tekken 7, o Mario Kart 8, Fall Guys ou Rocket League».
Doutra banda, haberá máis de 56 creadores e artistas locais que amosarán as súas obras. Tampouco faltará o cosplay, onde profesionais da modelaxe e a costura amosarán unha caracterización dos seus personaxes favoritos, e contarase con convidados e convidadas especialistas nesta materia, divulgando e ensinando esta cultura. Un xurado especializado valorará a preto de medio cento de participantes neste apartado.
Por último, máis de dez asociacións chegadas de todo o país están convidadas a participar no evento, chegando a facer actividades de todo tipo e que poden ser consultadas na súa totalidade a través da páxina oficial da asociación pontevedresa, https://gamingtroop.es/lerezup/, onde tamén é posíbel realizar os diferentes procesos de inscrición e de venda de entradas.
A entrada para os dous días é de 5 euros, e de 3 euros para cada día, en caso de querer ir só unha xornada. Os menores de seis anos teñen entrada libre. Porén, ademais de na web, tamén poder ser mercadas na tenda física de Percalandia, situada na rúa San Antoniño.