O porto deportivo Juan Carlos I igualou en xullo as cifras anteriores á pandemia constatando a recuperación do sector náutico. Polos pantaláns que xestiona a empresa municipal Nauta Sanxenxo pasaron durante o pasado mes un total de 157 embarcacións fronte ás 161 que se pasaron no mesmo período de 2019, ano de marca no sector turístico. A esta importante actividade de tránsito hai que sumar os 370 barcos que teñen as instalacións municipais como porto base e que manteñen o seu amarre durante todo o ano.
Embarcacións de 13 países diferentes recalaron en Sanxenxo en xullo, así ademais de contar con barcos de bandeira española (88) elixiron este porto 20 de bandeira francesa, 14 irlandeses, 11 portugueses, 7 de Países Baixos, 4 alemáns, 3 daneses, 2 belgas, 1 suízo, 1noruegués, 1 polaco e 1 esloveno. Unhas cifras que supoñen un incremento do 17,4% no tráfico internacional respecto ao rexistrado en 2019.
En canto ao tamaño das embarcacións, Nauta Sanxenxo segue detectando un incremento de embarcacións con esloras superiores aos 12 metros onde se concentra o 78,35% do tráfico do mes de xullo. Do total do tránsito, 101 son veleiros e 56, a motor. Desde o pasado mes de abril, o porto deportivo xa non ten nin un só amarre dispoñible e creceron os días de estancia nos tráficos de tránsito de 1 ou 2 días ata 4.
O porto deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados. As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 m², 450 puntos de amarre e máis de 25.000m² de espazo peonil. Aos amarres correspondentes ao aluguer estival e os que son de carácter anual fixo súmanse as concesións e os amarres variables para o tránsito de embarcacións. O porto deportivo conta con servizo de gasolineira nas súas instalacións, desde o que se forneceron durante o pasado mes de xullo un total de 76.251 litros de combustible.