Case 2 M€ para mellorar a seguridade en 39 tramos do Camiño

A

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a encomenda das novas actuacións de mellora de seguridade na rede viaria de titularidade da Xunta, no ámbito dos Camiños de Santiago, que suporán un investimento autonómico de preto de 1,8 M€.

Trátase do programa impulsado pola Xunta para executar 39 novas actuacións para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, que se lle encomendan á Empresa de Transformación Agraria, S.A. S.M.E., M.P. (Tragsa). Cómpre lembrar que baixo este programa a Xunta executou outras 70 actuacións nas rutas xacobeas ás que destinou un investimento de 1,4M€.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé o inicio dos traballos neste vindeiro mes de setembro, co obxectivo de ter executadas a totalidade das intervencións este mesmo ano.

Os traballos definidos baixo esta encomenda da Xunta comprenden actuación de reforzo da seguridade viaria e da accesibilidade para favorecer unha mobilidade máis segura para peregrinos e veciños nas vías de titularidade autonómica. As intervencións desenvolveranse con criterios comúns no deseño, tanto desde o punto de vista da seguridade, como da accesibilidade e dos materiais empregados.

As 39 novas actuacións desenvolveranse nos distintos camiños e trazados da ruta xacobea en tres provincias galegas.

Na provincia da Coruña están programadas un total de 11 actuacións: 9 intervencións no Camiño Norte e 2 no Camiño Inglés.

Na provincia de Lugo están deseñadas no Camiño Francés 6 actuacións, no de Inverno 7, no Norte 2, e outras 8 no Camiño Primitivo. Isto supón en total 23 intervencións.

Finalmente, na provincia de Ourense están previstas un total de 5 intervencións no Camiño da Prata.

De xeito xeral, os traballos consistirán na instalación, reforzo e retranqueo de sinalización; na construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; e en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade da rede autonómica de estradas galegas no entorno dos Camiños de Santiago.

Estas intervencións enmárcase na aposta da Xunta por mellorar a seguridade viaria dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 4,9M€, ademais dos 12,6M€ das intervencións que se remataron á súa entrada en Compostela.