Buño e Oleiros xa mostran a artesanía do barro máis ancestral e actual


Pasado e presente xuntos en Buño e Oleiros. Esta semana os referentes ancestrais da olería de Buño, no concello coruñés de Malpica, collen protagonismo nunha mostra xa clásica nos eventos galegos de agosto. A mostra que permite coñecer de preto un dos oficios con máis personalidade de Galicia, xa está aquí, do 4 ao 7.

Os visitantes atoparán un recinto onde se exhiben as últimas creacións artísticas dos oleiros da vila, con postos de venda e exposición, así como a presenza destes artesáns facendo demostracións en vivo no torno no que se lle da forma ao barro. Tamén se celebran obradoiros onde os visitantes poden converterse por uns intres en oleiros poñéndose mans á obra no torno dun destes profesionais.

Aínda que poida non parecer una festa propiamente dita, a Mostra da Olería conta cunha ampla programación de actividades lúdicas e culturais que aportan momentos de lecer que supoñen toda unha experiencia que non debes perder. Así, Buño ofrece roteiros guiados, actuacións folclóricas, eventos gastronómicos, concertos e todo tipo de demostracións relacionadas coa artesanía que dá forma ao barro das terras de Buño.

Os visitantes non deben perder a oportunidade de visitar o Ecomuseo do Forno do Forte, para coñecer como era a vida dos oleiros nunha vivenda e un obradoiro orixinal, ou de presenciar a Cocedura Tradicional, onde se enfornan as pezas feitas a man nun forno artesán elaborado para a ocasión seguindo as pautas que marca a tradición.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o deputado de Promoción Económica, Blas García; e os alcaldes de Malpica, Eduardo Parga, e de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron na sede da institución os convenios para a promoción das dúas citas máis importantes da artesanía do barro da provincia, a Mostra de Olería de Buño e Alfaoleiros, para as que a Deputación compromete neste exercizo 110.000 euros. A mostra malpicá recibirá unha axuda de 80.000 euros (o 80 por cento do orzamento total), e a feira oleiresa, outra de 30.000 € (case o 47 por cento).

Con estes acordos, a Deputación volve apostar por dous eventos de referencia que considera de gran interese para o territorio e que contribúen a potenciar un sector que ten potencial para se converter nunha actividade rendible de futuro, capaz de repercutir favorablemente como medio de desenvolvemento económico, social e xerador de emprego e riqueza, xa non só no ámbito local, senón tamén no provincial. Estes investimentos, ademais, supoñen un respaldo para as dúas comarcas non só económico, senón tamén tamén turístico, e axudan a manter a tradición centenaria da olaría.

Alfaroleiros e outra das citas máis relevantes para o turismo e para a artesanía da comarca da Coruña e do territorio da Reserva da Biosfera, que xunta cada ano a multitude de oleiros chegados de moitos os puntos do Estado. Alfaroleiros celébrase do 3 ao 7 de agosto.