Barbeira Season Fest consolídase como unha oferta de calidade en Baiona


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores en Baiona unha nova edición do Barbeira Season Fest que se celebrará entre o 31 de agosto e o 4 de setembro na vila do Val Miñor. A representante autonómica destacou o crecemento e a consolidación dunha cita que alcanza a súa cuarta entrega cunha “oferta ampla, para todos os públicos e de calidade”.

Fernández-Tapias amosou o compromiso da Xunta con festival, tanto a través do programa “O teu Xacobeo” como da marca FEST Galicia. “Desde o Goberno galego estaremos sempre ao lado dos artistas e dos promotores para darlles o apoio que necesiten, especialmente tras superar momentos complicados pola pandemia”, sinalou. No acto celebrado ás portas do Parador de Baiona, a delegada territorial estivo acompañada polo alcalde, Carlos Gómez; o director artístico do festival, o músico vigués Pablo Novoa; o responsable de Elemental Street, Isaac González, e a vocalista do grupo Bala, Anxela Baltar.

Esta nova edición do Barbeira Season Fest crece este ano tanto en días como en oferta musical, con máis de 30 grupos e artistas programados durante as cinco xornadas de concertos. León Benavente, Zahara, De Pedro e Triángulo de Amor Bizarro serán os cabezas de cartel dun festival que abrirá o día 31 cunha actuación sorpresa e aínda nos desvelada pola organización.

O parque da Palma acollerá o Escenario Vibra Mahou como recinto principal para a música, mentres que a Praza do Concello albergará o Escenario Xacobeo. Ademais, tamén aumenta a proposta de actividades culturais e gastronómicas que se estenderán polo municipio atravesado polo Camiño Portugués da Costa.

A gastronomía estará presente a través do “Rías Baixas. O restaurante máis pequeno do mundo”, que xa está en marcha. Haberá tamén conferencias denominadas “Charlas en chanclas” na biblioteca ou actividades deportivas a través de bautismos de mar en paddle surf. Outras das orixinais propostas é o Hotel Season Zentolo no que 33 habitacións xa foron intervidas por artistas durante os últimos meses e servirán agora para microconcertos.