BacoFesta na Rúa, troula romano-gastronómica


O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, presentou o programa de actos que se desenvolverá no marco da BacoFesta 2022, unha celebración que “rexorde con forza no municipio logo de dous anos de parón por mor da pandemia”, tal e como sinalou o rexedor, e que espera “acadar os 3.000 visitantes” no recinto feiral do Aguillón.

Trátase dunha feira romano-gastronómica que quer epoñer en valor os viños da zona e a súa gastronomia, homenaxeando as orixes romanas da vila. Hai uns anos púxose o xerme e, dado o éxito das edicións celebradas, dende o equipo de goberno que dirixe Alvaro Fernández decidiuse organizar de novo este verán esta cita lúdico-festiva.

“Aínda que inicialmente se expresaron dúbidas sobre se sería posible realizar a festa en tempo e prazo, estou orgulloso de anunciar que si será posible facelo grazas ao traballo e ao esforzo dun equipo de goberno cohesionado e unido”, sinalou o rexedor da Rúa.

A VII edición da BacoFesta, celebración que xurdiu en 2014 da man de Avelino García como alternativa local dentro da Rúa á celebración da Feira do Viño (que se celebra no Barco), arrincará oficialmente ás 20.45 horas deste venres, 12 de agosto, no recinto feiral do Aguillón. A continuación, abrirase o recinto feiral ata as 23.30 h. e a xornada concluirá cun concerto do grupo La banda de ayer.

Xa na fin de semana o recinto feiral permanecerá aberto entre as 12.45 h. e as 14.30 h. e entre as 19.45 h. e as 23.30 h. Tanto o sábado como o domingo, a Asociación Abertal da Rúa -a través da súa Banda de Gaitas e da súa agrupación Cantos de Taberna- amenizará musicalmente o ambiente.

A organización programará, ademais, concertos en ambas as dúas xornadas. Así, está previsto que o sábado actúe Los Players; mentres que o domingo, o prato estrela será a actuación de Fran Perea con Pablo Piñeiro, que presentarán o espectáculo conxunto Lo que te contaron del amor.

Paralelamente, co gallo do XX aniversario do irmanamento entre A Rúa de Valdeorras e o municipio estremeño de Almendralejo, haberá un stand promocional especial no recinto feiral da BacoFesta para que este concello poida promocionar o mellor dos seus recursos, patrimonio e gastronomia. “Respodemos así á xentileza que Almendralejo tivo connosco no seu Salón do Viño e da Aceituna (Iberovinac), onde A Rúa puido promocionar a súa enogastronomia”, sinalou o rexedor.