As visitas guiadas pola torre de Hércules duplicaron a cifra de 2019


As visitas nocturnas á Torre de Hércules bateron as marcas de asistentes do 2018 e 2019. Durante a presente tempada planificáronse once visitas guiadas ao faro milenario, en quendas de 20 persoas. Máis de 200 persoas participaron nestas rutas. Trátase de case o dobre das persoas que participaron nos exercicios 2018 e 2019, antes da pandemia.

As visitas comezaron a finais de xuño, durante a semana do 13 aniversario da inclusión da Torre de Hércules na listaxe do Patrimonio Mundial, cando tiveron lugar dúas visitas. No mes de xullo as visitas realizáronse os xoves e en agosto alternativamente mércores e venres.

Este mércores 31 de agosto terá lugar a última visita nocturna da tempada á Torre de Hércules. Como en ocasións anteriores e debido á altísima demanda, as entradas poñeranse á venda ás 09.45 horas de mañá no Centro de Interpretación e entregaranse un máximo dúas entradas por persoa. O inicio da visita será no mesmo Centro de interpretación ás 20.30 horas e os visitantes gozarán dun paseo dunha hora e media, que incluirá unha pequena incursión polo Parque Escultórico e finalizará na Rosa dos Ventos.

En 2022, o Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, aumentou o número deste tipo de visitas que no último lustro reducíronse considerablemente. De feito, en 2018 realizáronse dúas visitas no contexto de Nocturnia, unha actividade organizada polo CMIX, dirixida á mocidade coruñesa e orientadas a concienciar sobre a contaminación luminosa e baixo o lema 'Dous mil anos de luz'. Cada grupo estaba limitado a 25 persoas. E en 2019, con motivo da celebración do X aniversario da inclusión da Torre no Patrimonio Mundial, organizáronse cinco visitas entre os días 24 e o 28 de xuño, unha de carácter institucional; neste caso foron gratuítas e tamén limitadas a 25 persoas. Ese mesmo ano realizouse unha nova visita nocturna no mes de setembro, con motivo do Día Internacional do Turismo. Tendo en conta estes datos, en 2022 as visitas aumentaron expoñencialmente, xa que nun só exercicio programáronse unha ducia de visitas, máis que no últimos catro anos xuntos.

O Consorcio de Turismo está a estudar a posibilidade de continuar coas visitas a próxima tempada 2023, tratando de ampliar o seu número e procurando chegar a máis visitantes.

Doutra banda, a Torre de Hércules celebrou este ano o seu 13 aniversario como Patrimonio Mundial da Unesco cun programa de actividades. Acompañando a todo o programa de actividades celebrado durante os meses de xuño e xullo, sumouse un concurso en redes sociais: #12mais1dasorte, co que se podía gañar unha visita moi especial ao faro, xa que os afortunados e afortunadas, gozarían dunha visita á zonas da Torre de Hércules fóra do circuíto habitual.

O concurso consistía en adiviñar unha serie de iconas agochadas en varias imaxes que se foron compartindo nos perfís sociais da Torre de Hércules. De entre todos os participantes, saíron os tres premiados que, xunto cos seus acompañantes, gozaron a pasada semana do premio.