Artesanía e gastronomía, maridaxe perfecto o 14 de agosto en Guntín




A XVII Festa Artesanal de Ferreira de Pallares, que se celebrará o vindeiro 14 de agosto nos arredores do mosteiro de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín, presentouse oficialmente no Pazo Provincial de Lugo.

A Asociación de Amigos do Mosteiro organizou, co apoio da Vicepresidencia da Deputación, unha nova edición desta cita festiva que ten como obxectivo “promover o traballo artesán e poñer en valor o conxunto monástico”, como explicou o presidente da entidade, Carlos Vázquez.

Unha decena de artesáns realizarán demostracións en vivo no recinto da festa, que se abrirá ás 11.00 horas. Haberá unha ampla representación de oficios tradicionais e artesáns: cestería, talla de madeira, xoiería, cantería, pirogravado, ferrería, ebanistería e construción de instrumenos musicais, olería, elaboración de bonecos ou apicultura.

Ademais, haberá unha ampla oferta gastronómica con postos de degustación e venda de produtos da zona, como os pementos de Mougán, e unha degustación gratuíta de filloas. Ás 13.30 terá lugar a lectura do pregón, a cargo do escritor Xosé Estevez, autor de novelas e libros de poesías propias e coordinador de diversas antoloxías poéticas.

A organización tamén ten previsto realizar o habitual xantar de confraternidade, no claustro do mosteiro a partir das 14.30 horas. A retirada de convites para participar no xantar pode facerse en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada O Xeito e Casa Maestro de Matei antes do 10 de agosto.

Na presentación, na que participaron representantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, felicitouse pola recuperación da feira “que reivindica os oficios artesans e os produtos autóctonos e de proximidade. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo chamamos continuamente a sentirnos orgullosas e orgullosos do propio, do idioma, da cultura, do patrimonio, e tamén da artesanía, que forma parte das nosas sinais de identidade”.