Aposta oficial e sectorial por recuperar o turismo en zonas afectadas polo lume


O municipio lucense de Folgoso do Courel foi o escenario elixido para celebrar un encontro entre a directora da Axencia Turismo de Galicia e representantes municipais e do sector turístico, e expor medidas que permitan recuperar a actividade turística e o tecido socioeconómico en xeral tras os incendios forestais que afectaron ás comarcas do Courel e Valdeorras.

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, foi un dos participantes nesta reunión á que tamén asistiron os seus homólogos da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Rivadulla, e da Federación Galega de Turisdmo Rural, Francisco Xabier Almuíña, ademais de diversos representantes dos establecementos e servizos turísticos das zonas afectadas polo lume, e a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro.

Unha das medidas xa concretadas no encontro é o convenio que van asinar Turismo de Galicia e Agavi para a creación de novos produtos turísticos que permitan poñer en valor os atractivos desas zonas. O acordo prevé o desenvolvemento de seis categorías de paquetes turísticos orientados aos espazos naturais, o turismo ornitolóxico, o turismo activo e o turismo de aventura, segundo explican desde a Xunta. Ademais, haberá produtos centrados no patrimonio material e inmaterial, o turismo astronómico e o industrial, a enogastronomía e en actividades relacionadas co potencial turístico dos encoros e o Camiño de Inverno, entre outros ámbitos. En total, está prevista un investimento de máis de 90.000 euros para a creación de 45 paquetes turísticos diferentes.

Desde a Xunta destacan que as axencias de viaxes retallistas converteranse así en aliados importantes para facer chegar ao cliente final os produtos turísticos e os atractivos desas zonas da Galicia interior.