Amplíanse a zona e os horarios de pesca recreativa no porto de Caión




A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, vén de asinar co alcalde da Laracha un convenio de colaboración para o control da pesca recreativa no municipio. Deste xeito, permítese ampliar os horarios e zonas autorizadas para esta práctica no porto de Caión, segundo recolle o plano correspondente a dito peirao que estará dispoñible na páxina web de Portos de Galicia. A zona autorizada para a pesca nesta localidade amplíase na mesma liña do peirao na que estaba xa autorizada, diante da lonxa ata o final do espigón.

A través deste acordo, que xa asinaron tamén outros municipios como Ribeira, Malpica, Cervo, Porto do Son ou Muros, formalízase o compromiso de abrir máis zonas á actividade mediante a colaboración institucional e minimizando riscos ao igual que se fai noutras actividades de ocio desenvolvidas en solo portuario. Este tipo de convenios permiten establecer un control e vixilancia por parte do Goberno local dunha actividade vencellada unicamente co lecer dos veciños e allea por completo á operativa portuaria.
Burela, Moaña, Bueu e Baiona

Portos de Galicia avanza así nesta fórmula, que considera viable e axeitada para ampliar as zonas e minimizar os riscos -tanto dos afeccionados como dos profesionais dos portos-, e anima ao resto de concellos do litoral a sumarse a esta posibilidade para autorizar a pesca de lecer coas maiores garantías para os pescadores e a actividade portuaria.

De feito, o ente dependente da Consellería do Mar lembra que os concellos apoiaron activamente ampliar zonas, polo que teñen nesta vía unha opción para obter resposta ás súas demandas. Neste sentido, o organismo vén de responder ás peticións de Concellos como Burela e Moaña para ampliar as zonas autorizadas á pesca lembrando que a ferramenta para poder facela é o convenio que xa están a asinar outras administracións locais.

Do mesmo xeito, o ente público está a dialogar co concello de Bueu de cara a un acordo definitivo, tal e como se acordou por ambas partes na última reunión entre a presidenta de Portos e o alcalde. Ademais, prevese poder asinar proximamente un convenio co concello de Baiona no mesmo sentido.

A Xunta lembra que a normativa que regula esta práctica é viva e considera factible abrir novas áreas para a práctica da pesca recreativa en superficie en máis dunha vintena de portos de titularidade autonómica se existe colaboración cos concellos para o auxilio e control da actividade.

Portos de Galicia avanza así na regulación aprobada o pasado verán e que permitiu levantar total ou parcialmente a prohibición da práctica da pesca recreativa en superficie que rexía desde os anos 70 en todos os portos. A finalidade é dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade e por iso nos últimos meses se introduciron distintas melloras como a ampliación de zonas e horarios, entre outras.