Acordo para impulsar unha norma internacional sobre turismo accesible


Asegurar que todas as persoas, e especialmente os discapacitados, poidan gozar do turismo en igualdade de condicións é o obxectivo da ISO 21902 Turismo e Servizos Relacionados-Turismo Accesible para Todos-Requisitos e Recomendacións, un estándar nado hai un ano grazas ao traballo conxunto da Organización Mundial do Turismo, A Fundación ONCE e a Asociación Española de Normalización UNE, e que agora vai recibir un novo impulso.

Según recolle na súa web o Clúster Turismo de Galicia, para logralo, as tres entidades acaban de asinar un acordo que permitirá a divulgación e promoción da ISO 21902 tanto entre as administracións públicas como entre os distintos axentes da cadea de valor do sector turístico: desde xestores de destinos ata axencias de viaxes pasando por empresas de transporte, aloxamento, restauración e outros recursos.

Os asinantes explican que, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), un 15 % da poboación mundial padece algún tipo de discapacidade. Engaden que só na Unión Europea, o turismo accesible supón un mercado potencial de 80 millóns de persoas polo que a adopción de medidas para facilitar a accesibilidade e a inclusión “non é só unha cuestión de dereitos humanos e igualdade de oportunidades, senón tamén, unha importante vantaxe competitiva para os destinos e o sector privado”.

Ademais, apuntan que aínda que o sector experimentou avances importantes, “os turistas con discapacidade aínda teñen dificultades para organizar as súas viaxes, acceder a determinados destinos como praias ou contornas naturais e urbanos, ou entender de forma clara e sinxela as indicacións dos establecementos turísticos”.

O convenio alcanzado entre a OMT, a Fundación ONCE e a Asociación Española de Normalización UNE prevé a realización de traballos de sensibilización entre institucións, gobernos e provedores de servizos sobre a importancia da accesibilidade e da inclusión, especialmente nun momento de recuperación do turismo tras a pandemia.