A VII edición do Festival Internacional de Curtas de Verín celebrarase do 30 de agosto ao 4 de setembro


O Festival Internacional de Curtas de Verín - Vía XIV foi presentado esta mañá no Auditorio municipal verinense na que ser a súa sétima VII edición, que se celebrará do martes 30 de agosto ao domingo 4 de setembro co patrocinio da Deputación de Ourense.

O Festival Internacional de Curtas de Verín arrincará a súa VII edición o martes 30 de agosto. Farao cun acto inaugural na Praza Maior de Verín. Tras o acto de inauguración, o trío Casperverk musicalizará en directo o filme "The Cameraman", de Buster Keaton.

Paralelamente, no marco da axenda do FIC Vía XIV de Verín, terá lugar unha actividade paralela dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, quen actuará para os cativos e cativas da comarca para descubrirlles o cinema a través da actividade "Sopa cómica".

A cita, que terá como festival convidado ao Galician Freaky Film Festival, porá de novo o foco nun dos seus piares fundamentais: o Entroido. Nesta ocasión, farao a través de narrativas menos convencionais. Dunha banda, proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións ao redor do mundo. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza. Doutra banda, representarase a performance "Carrilano KaoS" de Álvaro Rúa con Gaita en Dó con técnicas estendidas, na que colaborarán o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro.

Entre as actividades paralelas do festival tamén destaca a proxección de "Mauthausen, regreso ao campo da morte", dirixido e guionizado hai máis de tres décadas polo xornalista e historiador galego Manolo Torrente, e que aborda a historia de dous galegos que conseguiron saír con vida de Mauthausen: Enrique Doval,e Xaquín Balboa. Ademais, ao longo de toda a semana, o Espazo Roombo, habilitado en colaboración entre a Asociación Cultural Vía XIV e a empresa local patrocinadora Roombo, acollerá no exterior do Auditorio de Verín actividades relacionadas coa música, a gastronomía ou os encontros profesionais.

A gala de clausura terá lugar o domingo 4 de setembro no Auditorio de Verín e estará conducida pola xornalista local Esther Estévez, presentadora do programa da Televisión de Galicia "Dígocho eu" e recentemente distinguida como Mellor Comunicadora na Gala dos Premios Mestre Mateo.