A revolución dixital chega o punto de información turística de Armenteira


A dixitalización das oficinas da Rede Info Rías Baixas será unha realidade gracias ao impulso que a Deputación está a darlles no marco do proxecto europeo Tourist Inside. Unha das instalacións beneficiarias desta nova forma de entender a atención ás e aos visitantes é o punto de información turística do mosteiro de Armenteira, en Meis, ata o que se desprazaron a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a tenente de alcaldesa de Meis, Araceli Maquieira. Alí déronse a coñecer as novidades que transformarán esta oficina aproveitando o potencial que ofrecen as últimas tecnoloxías de información e comunicación.

Este punto de información buscará a total inclusión das persoas con dificultades de audición na súa oferta turística ao incorporar un bucle magnético, que lles axudará a desfrutar por completo das visitas guiadas. A oficina contará tamén no seu interior cunha tableta na que as e os visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción. Ademais, a transformación dixital chegará a 10 puntos en distintos lugares do territorio de Meis nos que se instalarán “beacons”, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

Esta oficina mellorará así os servizos que ofrece e que xa en 2017 fixérona merecedora da “Q” de Calidade turística. Este distintivo que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que converte á oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

Ata o punto de información turística do mosteiro de Armenteira achegáronse no que vai de ano un total de 3.062 persoas en busca de información. A maior parte delas (88%) foron visitantes nacionais chegados/as en gran medida dende Madrid (42,23%), Badaxoz e Biscaia. Entre o turismo estranxeiro (o 12% restante) a oficina rexistrou a presenza de persoas de Italia, Portugal ou Alemaña.

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas adheridas e espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes