A Festa do Mar celebra os seus 21 anos con concertos e regatas tradicionais


O concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luís Martínez (BNG), presentou a programación correspondente á Festa do Mar, que este ano chega aos 21 anos de existencia. Máis de dúas décadas que fan deste evento un dos máis importantes dentro do programa Verán en Poio, impulsado por este departamento municipal. Martínez Blanco estivo acompañado por representantes da Asociación Armadiña e do Clube A Reiboa, que desenvolven “un papel fundamental e moi importante” no desenvolvemento de dúas citas de referencia dentro da propia festa, como son o Armadiña Rock e o Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Nesta ocasión, tal e como adiantou o edil do Goberno municipal, a programación desenvolverase entre o martes 23 e o domingo 28 de agosto. Ademais de en Combarro, onde se celebrarán a meirande parte das actividades, tamén se inclúen actuacións musicais espalladas por diferentes puntos do municipio. Precisamente, a cita que servirá de inauguración será o propio martes, ás 21.30 horas, no campo de fútbol de Samieira, con SOTE DJ e o Combo Dominicano. Nesta edición, a música e a tradición mariñeira coparán todo o protagonismo da Festa do Mar, que non contará con carpa gastronómica en Combarro. O concelleiro de Festexos explicou que esta decisión adoptouse debido á falta de espazo no peirao da Canteira, por mor da realización das obras do emisario submarino que está a efectuar a Xunta de Galicia. “Ao pechar o recinto portuario non dispoñemos dunha zona na que poder emprazar a carpa”, apuntou Xosé Luís Martínez.

A Festa do Mar contará neste 2022 con orquestras e grupos de gran nivel. Así, ademais da actuación do Combo Dominicano, tamén chegará a Poio a Orquestra Olympus. A cita será en Raxó o mércores 24, ás 22.00 horas. O xoves 25, esta parroquia acollerá, á mesma hora, un concerto a cargo de Dr. Queen, unha das bandas tributo máis importantes a nivel mundial. Os concertos musicais pecharanse o domingo 28 na Praza da Chousa de Combarro, cun espectáculo a cargo de Concert Kids Gisela, ás 20.00 horas, que “é unha cita ideal para ser gozada en familia e, especialmente, entre as crianzas”, indicou o titular de Festexos. Euro ABBA porá o broche final ás 22.00 horas. A entrada será gratuíta en todas as iniciativas.

Ademais, a programación tamén inclúe o Armadiña Rock, que, como manda a tradición, levarase a cabo na Praza da Chousa os días 26 e 27 de agosto. Nesa fin de semana, entre o venres 26 e o domingo 28, chegará tamén o Encontro de Embarcacións Tradicionais. Logo da recepción e cea de benvida da primeira xornada, o sábado 27 iniciarase a regata da Reiboa, puntuable para a Copa Mörling. Enrique Sendra, tesoureiro de Cultumar, tamén estivo presente na presentación e sumouse aos agradecementos ao Concello e ao club por tomar parte neste proxecto, que serve, entre outras cousas, “para achegar ao público en xeral e, especialmente, á xente moza, a cultura mariñeira e o labor de conservación do patrimonio marítimo e fluvial das 42 asociacións que forman parte de Cultumar”. Pola tarde, será a regata pamplina a remo e a correspondente a vela. A entrega de trofeos terá lugar ás 21.00 horas. O domingo, antes da despedida oficial aos participantes, tamén haberá tempo para a navegación libre pola ría. Como principal novidade, Martínez sinalou que este ano as embarcacións disporán de fondeos no peirao da Chousa, que se suman aos amarres que usan habitualmente no pantalán, o que “sen dúbida ofrecerá unha fermosa estampa da contorna durante ese días, resaltando o espírito e a historia de tradición mariñeira coa que conta Combarro”.

Por último, e de cara a futuras edicións, o concelleiro de Festexos adiantou que “estamos estudando fórmulas para dar un novo encaixe a eventos como a Festa do Mar ou o Festival Sons de Ánkar”, que pasarían, por exemplo, polo cambio de datas, para “favorecer a desestacionalización”.