A Festa da Vendima de Leiro maridará viños, produtos da contorna e música




A Deputación de Ourense colabora co Concello de Leiro na celebración da XXXI edición da Festa da Vendima, que se celebra o sábado 27 e o domingo 28 de agosto cunha programación que inclúe a mostra de viños, os concursos de acios e carrozas, un mercado artesanal, concertos, actividades infantís, ou unha concentración de coches clásicos.

César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, reuniuse co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e co edil de Cultura deste concello, Ramón Álvarez, para analizar os detalles da festa. César Fernández resalta a "fonda consolidación dun evento que leva máis de tres décadas reivindicando a nosa tradición arredor da cultura da uva, sen dúbida o gran motor económico da comarca do Ribeiro". O vicepresidente segundo recoñeceu o traballo dos organizadores e sinalou a importancia deste tipo de festas como "dinamizadores do territorio".

Pola súa banda, Francisco José Fernández definiu a Festa da Vendima de Leiro como "un gran escaparate dos nosos mellores produtos", destacando a "coidada programación" dunha edición na que sobresaen "os nosos tradicionais concursos, o xantar popular ou o musical 'Camiñantes e cantantes', que conta co apoio da Xunta de Galicia".

O sábado 27 de agosto, o programa de actos da XXXI edición da Festa da Vendima de Leiro arranca co Concerto de Corais da Vendima (20,00 horas) e a apertura da 3º Mostra de Viños de Leiro, que estará amenizada cunha actuación musical.

O domingo 28, a xornada comezará ás 10,00 horas coa recepción dos acios a concurso e a súa posterior exposición. As 12,00 horas, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, lerá o pregón desta edición da festa na praza do Cruceiro. Despois, quenda para o desfile de carrozas e charangas dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e a IV edición da Concentración de Coches Clásicos.

As 14,30 horas do domingo celebrarase o xantar popular e despois, dende as 16,30 horas, entrega de premios ós gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e actividades infantís e festivas -incluíndo un espectáculo de maxia e unha festa da escuma- no Salgueiral, que acollerá durante todo o día o XVII Mercado Artesanal. As 17,45 horas, o CF Leiro disputa o seu partido de presentación da tempada e La Ocaband pecherá a xornada festiva co seu musical "Camiñantes e cantantes", a partir das 21,00 horas.