A Feira Medieval de Ferrol xunta ata o domingo cen expositores




A Feira Medieval de Ferrol, que se celebra desde este venres ao domingo, conta este ano con arredor de cen expositores e obradoiros. O concelleiro de Mercados, Germán Costoya destaca que o evento sempre ten un gran éxito na cidade e lembra tamén que tras dous anos marcados pola pandemia (no 2020 non se celebrou e no 2021 só puido contar con pouco máis da metade de postos), nesta edición recupera o seu formato habitual e o seu esplendor. “Volvemos con forza”, asegura o edil.

As zonas de expositores repartense pola alameda do Carbón (onde hai tamén espazo para un carrusel e espectáculos estáticos), a rúa do Rastro, a praza Vella (conta tam´ñen con espectáculos, xunto coa Eira dos Nenos, deseñada para os máis pequenos, e os cabaliños), San Francisco e Benito Vicetto. Na praza de Juan Sebastián Elcano, ante a igrexa castrense, situase o campamento medieval.

A ambientación conta con teatro de rúa, música e a participación da escola local de danza do ventre Shatki Danza, e ademais, colabora na feira por primeira vez o mago Cayetano Lledó, cun programa de ilusionismo creado especialmente para esta fin de semana.