A Coruña destina 1 M€ a modernizar o mercado de San Agustín


O Concello da Coruña aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada a solicitude ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dunha subvención para levar a cabo un plan de mellora, dixitalización e pulo comercial do mercado de San Agustín. Esta iniciativa contaría cun orzamento total de 1.066.000 euros, dos que o Ministerio sufragaría un 80 % e o Concello o 20 % restante.

"A nosa intención é adaptar o mercado ás necesidades actuais do sector e convertelo nun lugar moito máis atractivo tanto para os propios comerciantes como para o consumidor", apuntou a alcaldesa Inés Rey na rolda de prensa. "A nosa idea é darlle un novo impulso cunha modernización total que atraia postos de traball e retorno económico en toda a contorna fomentando tamén o consumo de produto fresco, de calidade, ecolóxico e de proximidade", engadiu a rexedora.

O plan impulsado polo Concello consistirá nunha mellora estética do exterior mediante o pintado do edificio e a mellora da súa iluminación. Por outra banda, no seu interior mellorarase a eficiencia enerxética mediante o cambio a un sistema de leds de baixo consumo. Crearase, por outra banda, unha páxina web de venda en liña para cada comerciante.

Fomentarase tamén a reciclaxe a través da instalación de máquinas de recollida de envases de plástico e aluminio que xerarían descontos na compra dos usuarios e usuarias. Instalaranse tamén paneis dixitais con información de interese sobre o mercado, wifi gratuíto e puntos de carga de dispositivos. Por outra banda, crearase unha aula de formación e un espazo de formación en alimentación saudable. "A nosa idea é dotar de ferramentas aos comerciantes para mellorar as súas estratexias e as súas vendas", remarcou Rey.

Os traballos de mellora e humanización da contorna do Mercado de San Agustín atópanse na súa última fase. Con esta actuación o Goberno de Inés Rey busca unha revitalización total deste espazo e dar prioridade ás persoas. Tamén continúa o proceso de coidado e mellora dos mercados municipais, como símbolo do tecido comercial da nosa cidade. O novo mercado de Durmideiras está a piques de rematarse e tamén avanza a futura reforma do mercado de Monte Alto coa súa recente licitación.