A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural,vén de habilitar un teléfono de cooperación cidadá para denunciar anonimamente irregularidades no marco do plan de control da vendima deste ano, que se pon en marcha por cuarto ano consecutivo.
Como reforzo a todas as accións de control, este ano implantouse como novidade unha vía para a colaboración da cidadanía. Así, ponse a disposición tanto aos cidadáns como a profesionais do sector o teléfono 988 517 302 para denunciar de forma anónima actuacións presuntamente irregulares que puideran desencadear posteriores investigacións.
As denuncias recibidas clasificaranse segundo a súa tipoloxía, como pode ser a entrada de uva foránea en parcela ou adega, o transporte tanto de uva como de mosto foráneo, a compra destes mesmos ou de variedades non permitidas ou a falsificación de declaracións ou etiquetado nas adegas, entre outros.