135.000 € para proxectar máis o Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín




O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron na sede provincial o convenio de cooperación para a xestión da atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades no Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín durante o 2022. A Deputación consignará nos seus orzamentos unha partida de 120.000, dos que 105.000 € se destinarán ao Castelo e os outros 15.000 €, aos Batáns.

"A Deputación", explicou Regueira, "leva realizado ao longo dos anos numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín, e con esta nova achega seguiremos avanzando para que converter eses dous referentes do noso patrimonio e as súas contornas naturais nun enclave turístico nacional".

O vicepresidente salientou o traballo e cooperación entre a Deputación e o Concello vimiancés, "que leva colaborando con nós nun modelo novo de xestión do patrimonio cultural no cal se interrelacionan os aspectos puramente materiais, como os edificios e as montaxes expositivas". "Neste sentido", engadiu, "o obxectivo último foi facer do espectador un actor activo, sensibilizando ao mesmo tempo sobre as posibilidades da cultura megalítica como recurso e reclamo turístico".

Entre as obrigas contraídas segundo o convenio polo Concello de Vimianzo está a de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do Castelo, ás Mostra e aos Batáns; a abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no acordo (o Castelo, de martes a domingo, excepto Nadal e Aninovo; e os Batáns, de luns a domingo) e a elaborar unha estatística de visitas mensual e de xeito obxectivo e valorable.

"O Castelo de Vimianzo", lembrou Regueira, "foi obxecto dun proxecto de musealización durante o desenvolvemento do Plan de Dinamización Turística". "Nese proxecto", explicou, "converteuse unha das torres en centro de interpretación do Castelo e da Costa da Morte, a través de paneis e outros elementos. Por outra banda, instaláronse paneis sobre diferentes manifestacións artesás. Ademais desa parte, atópase o foso e todas as dependencias da edificación que poden ser visitadas. Durante todo o ano hai servizo de conserxería para orientar aos visitantes na súa experiencia e, en tempada alta, fornécese o servizo con visitas guiadas e atención ao visitante".

O Castelo de Vimianzo é un dos conxuntos máis visitados na Costa da Morte. Os viaxeiros que se achegan demandan información sobre a fortaleza e o seu contido, sobre o concello, pero tamén sobre o resto do xeodestino. Durante todo o ano, atende ao público un conserxe, praza específica para este espazo, e persoal das áreas de Cultura e Desenvolvemento Local. "Este servizo coordínase coas contratacións específicas de persoal de museos e de turismo que se realizan temporalmente; contratacións que son posibles grazas a achegas que fornecemos con convenios como o que firmamos hoxe", afirmou Regueira.

En canto ás visitas teatralizadas, contémplanse para tempada alta. Unha compañía profesional canta, cada fin de semana, a historia do castelo transformándose nas persoas que o habitaron durante diferentes épocas. Desde os Mariño de Lobeira e os Moscoso, pasando polos acontecementos do 36, ata a actualidade, relatan de xeito lúdico e ameno as principais vivencias acontecidas na fortaleza medieval. Unha teatralización de media hora que dá ao visitante un percorrido pola historia do castelo e, a un tempo, de Galicia.

O conxunto etnográfico dos batáns e muíños de Mosquetín está delimitado polo río e pola elevación da estrada de acceso. Desde o concello contrátase externamente a apertura do espazo no horario establecido. Dentro, as persoas visitantes poden entrar nas diferentes dependencias e ver a enxeñaría asociada ao uso da auga. Mantense limpo o espazo e vixíase o estado de seguridade das zonas de tránsito. En tempada alta elabórase un calendario de visitas guiadas e en tempada baixa pódense concertar, limitando este servizo á disposición de recursos. Ademais, estase en contacto coa Asociación de Guías de Turismo por se é preciso derivar a algún grupo, dado que os recursos municipais son limitados.