Zahara, Coque Malla, F. Costa, Camela e Treixadura, adianto das 'Peregrinas'


O departamento de Festas do Concello de Pontevedra acaba de facer público un adianto do cartel de artistas que este ano encherán de música a praza do Concello co gallo das Festas da Peregrina. Entre o 13 e o 21 de agosto, seguindo a tradición, o escenario deste lugar acollerá un espectáculo de primeiro nivel.

Polo momento, Zahara, Fernando Costa, Coque Malla, Treixadura, Juancho Marqués, Camela e o espectáculo infantil O Pequeno Rei da Sabana son os confirmados para ensinar as súas melodías e os seus concertos ao carón da alameda de Pontevedra. Cómpre indicar que aínda restarían un par de nomes por ser revelados e que serán anunciados nos vindeiros días, xunto coa programación ao completo das Festas da Peregrina, que incluirá actividades infantís, os concertos da praza da Ferraría ou o lanzamento de fogos artificiais.

De novo, a aposta desde o Concello é a de amosar un cartel variado, con nomes nacionais e estatais, de estilos e xéneros diversos, cun gran poder de convocatoria e cunha mestura de artistas actuais con outros xa de fonda carreira.
Programación por días:14 de agosto – Zahara; 15 de agosto – Coque Malla; 16 de agosto – Fernando Costa; 17 de agosto – Treixadura; 18 de agosto – O Pequeno Rei da Sabana; 19 de agosto – Juancho Marqués; e 21 de agosto – Camela.