Volve o jazz e o blues a Pontevedra


Cumprindo 28 anos neste 2022, e logo de dous anos sen poder ser celebrado, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve a unha praza da Ferraría que contará cun escenario preparado para acoller algúns dos nomes máis relevantes do jazz e o blues actual da man de André B. Silva (The Guit Kune Do), Andrea Motis, Jeffery Davis, Ida Nielsen e Samantha Fish.

Logo da crise sanitaria provocada pola pandemia e as lóxicas dificultades de produción que chegaron con ela, Pontevedra poderá volver gozar, entre o 20 e o 24 de xullo, dunha serie de concertos de primeiro nivel, que este ano, ademais, terán un marcado carácter feminino coa presencia de até tres mulleres na programación oficial, compositoras e instrumentistas, posuidoras dun currículo impresionante, ao traballaren no pasado con reputados artistas como Quincy Jones — no caso de Andrea Motis— ou con Prince —no caso de Ida Nielsen.

Todos os concertos serán de balde, e alén da presencia de músicos internacionais, tamén haberá melodías executadas por músicos galegos, como é o caso de The Guit Kune Do, onde Virxilio da Silva estará presente.

Doutra banda, e seguindo unha xa case tradición, o jazz pola rúa chegará da man da Street Band Chivinjazz, que pasearán e tocarán polo centro da cidade ás 12.30 horas e ás 20 horas. «Chega unha cita que xera moitísima expectación e que volve con toda a súa intensidade na 28 edición do Festival Internacional de Jazz e Blues», sinalou a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación do evento.