Vilagarcía sortea 105 prazas para remontar o Ulla o 17 de xullo


Un ano máis, o Concello de Vilagarcía promove a participación da cidadanía na Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, “A Orixe de todos os Camiños”, invitando a asistir a ela de xeito totalmente gratuíto a 105 veciños. A Concellería de Turismo contratou unha embarcación para facilitar a asistencia dos vilagarciáns a este evento anual que mestura tradición, cultura, relixiosidade e turismo. O popularmente coñecido como Remonte do Ulla celebrarase o domingo 17 de xullo pola tarde, de xeito que a expedición vilagarciá se sumará ás restantes embarcacións que esa mesma xornada toman parte na ruta organizada pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

As persoas que desexen participar na Ruta Xacobea a bordo da embarcación fretada polo Concello de Vilagarcía terán que inscribirse mediante solicitude presentada no Rexistro do Concello, na sede electrónica (sede.vilagarcia.gal) ou a través do mail turismo.vga@vilagarcia.gal . Unha mesma persoa non poderá figurar en máis de unha solicitude. O prazo de presentación vai dende hoxe 5 de xullo ás 9 horas do día 13 e o formulario de inscrición, así como as bases que rexerán o sorteo, poden obterse no taboleiro de anuncios do portal municipal http://www.vilagarcia.gal , na sede electrónica do Concello e na propia oficina de Turismo do Cavadelo.

A cada solicitude asignarase un número de orde para o sorteo público que terá lugar o día 14 de xullo ás 10 horas no Concello. As persoas que obteñan praza serán avisadas por teléfono en horario de mañá. Se alguén que tivera confirmada a súa asistencia logo decidira non acudir deberá comunicalo na maior brevidade á oficina de Turismo, ou ben chamando aos teléfonos 986501227 ou 986 099 200 ext. 254, ao obxecto de que se poida adxudicar a súa praza á seguinte persoa da lista de agarda.