Vilagarcía ofrecerá 18 travesías turísticas gratuitas en galeón




Tradición, mar e paisaxe como obxectivos. O salón nobre da casa consistorial acolleu acto da firma do convenio de colaboración entre o Concello de Vilagarcía e a asociación Rompetimóns para o desenvolvemento das rutas en galeón coas que se pretende promocionar a navegación tradicional e dar a coñecer a beleza e riqueza da paisaxe marítima de Vilagarcía e a illa de Cortegada . O alcalde, Alberto Varela, e o presidente do colectivo de Carril, Miguel Gago, subscribiron o acordo mediante o cal a entidade ofrecerá durante o verán 18 travesías gratuitas no seu galeón a cambio dunha compensación municipal de 6.000 euros.

O programa, que ten unha vertente turística, outra cultural e unha terceira medioambiental, lévase realizando dende o 2012, polo que este ano chega a súa décima edición. Dende os inicios, as travesías no galeón “Illa de Cortegada”, unha réplica dunha embarcación como as que navegaban hai máis dun século pola ría, contaron cunha excelente acollida por parte do público, completándose sempre as prazas ofertadas para as singraduras.

Varela Paz lembrou este aspecto e apuntou que o Concello continuará apostando por esta iniciativa, tanto polo interese do público, como pola necesidade de seguir ofertando produtos orixinais que contribúan a dar a coñecer a cultura, as tradicións e os valores naturais de Vilagarcía e, a maiores, supoñan un atractivo turístico máis. Pola súa banda, Miguel Gago, agradeceu a colaboración do Concello, asegurando que “sen esta axuda para as travesías e os convenios asinados hai anos para financiar a construción do galeón non poderiamos nin contar coa embarcación nin manter a actividade do colectivo”.

Nos vindeiros días daranse a coñecer as datas e horarios das travesías (que se fan sempre en sábado e domingo) e se informará do sistema habilitado polo Concello para facer a reserva de prazas, así como do prazo de inscrición. Como xa se dixo, a participación da cidadanía é de balde. Debido ao aforo reducido do galeón, cunha capacidade para 12 persoas, en cada travesía poderán participan 9 pasaxeiros, xa que as 3 prazas restantes son as da tripulación encargada das manobras da navegación a vela. As singraduras terán unha duración aproximada de dúas horas.