Tomé Roca destaca a importancia económica da Feira do Bonito de Burela


 presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, tamén participou  na presentación da XXXI Feira do Bonito e XX Produart de Burela, na que tamén estivo o xerente  da Fundación Expomar, José Manuel González López.

A Feira do Bonito está declarada Festa de Interese Turístico Nacional, que “premia á traxectoria, pero, sobre todo, é un punto de inflexión para seguir mellorando, para potenciar a promoción do bonito e para abrir novos mercados”, detallou o mandatario provincial.

Será a fin de semana do 5 ao 7 de agosto cando se leve a cabo esta cita no porto burelés, coincidindo un ano máis coa celebración de Produart, impulsada pola Fundación Expomar, e o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que este ano celebra a súa VI edición.

Voluntarios e voluntarias cociñarán o bonito en diferentes elaboracións, incluíndo as tradicionais como o bonito á grella, en empanada, cocido ou asado, e outras máis recentes como o marmitako, unha receita que, nos últimos anos, foi moi demandada polas persoas que se achegaron á feira. 

José Tomé Roca quixo destacar a importancia do sector pesqueiro na localidade mariñá e na provincia: “falar do bonito é falar dun produto gastronómico de calidade excepcional, pero tamén é falar de pesca, de tradición e de sostibilidade; dun modo de relacionarse co mar e dun modo de vida. É falar de riqueza e de emprego. Non esquezamos que a actividade económica do porto de Burela aporta un 25% do PIB local e dá emprego a 1.250 tripulantes”.

“É necesario manter as axudas para o sector e levar as nosas reclamacións ante a Unión Europea, na liña na que traballa o Goberno de España e tal e como se comprometeu o ministro Planas nunha visita recente aquí a Burela, pero, desde logo, é necesario contar con feiras coma ésta, que poñan en valor sempre a calidade do produto e que fagan que o consumidor cobre conciencia de que esa calidade debe ter un lóxico reflexo no prezo do mercado”, afirmou o Presidente. 

Este ano, a institución provincial asinou coa Fundación Expomar un convenio de colaboración para a posta en marcha de diferentes actividades, entre as que se atopa Produart. Así mesmo, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos a Deputación achega máis de 35.000€ para a celebración de actividades culturais como o certame mural, no que este ano participan nove artistas de Angola, Murcia, Arxentina, México, Madrid, Guipuzkoa e Pontevedra.

Durante a presentación levada a cabo este venres, a institución provincial ofreceu a través da Asociación de Cociñeiros de Lugo unha demostración culinaria en directo. O Chef executivo do Noa Butique Hotel, Alejandro Ares; o presidente do colectivo, Bruno Pena, e o responsable de Alimentos e bebidas de Oca Hoteles, Pablo Vila, elaboraron tres pratos de bonito en crudo, á grella e macerado, co obxectivo de conservar o espírito tradicional e que deixe de ser un alimento estacional.