Todo listo na praia da Concha para acoller o Atlantic Fest, do 15 o 17


O Atlantic Fest regresa crecido para garantir diversión e alegría compartidas coa mellor música. A praia da Concha xa está preparada para acoller a vindeira fin de semana (do 15 ao 17 de xullo) o esperado retorno do Atlantic Fest.

Despois de dous anos de pandemia no que o emblemático festival mantívose vivo nunha versión moi reducida e con actividades adaptadas á situación sanitaria, a edición deste ano chega cun formato ampliado e moito máis potente que o que tiña en 2019.

O obxectivo: saciar as ansias que ten un público desexoso de vivir os festivais sen restricións e nas distancias curtas, de bailar e poder compartir toda a diversións cos amigos. A edición garante o cumprimento deste obxectivo con grupos como Izal, Fangoria, Los Planetas ou Andrés Calamaro, entre outros moitos, e un programa repleto de actividades complementarias como exposicións, presentacións e actividades para os máis cativos e destinadas ao público familiar.

A conta atrás do Atlantic Fest púxose en marcha co acto celebrado no Salón García e que contou coa presenza dos promotores e colaboradores. O Concello de Vilagarcía, un dos patrocinadores principais, estivo representado polo alcalde, Alberto Varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o edil de Turismo Álvaro Carou.

O cartel do Atlantic suma un total de 25 concertos que protagonizarán, ademais dos xa mencionados Izal, Fangoria, Los Planteas e Calamaro; as Nancys Rubias, Quique González, La Casa Azul, Shinova, María Arnal e Marcel Bagés, Rojuu, Los Hermanos Cubero, El último vecino, Depresión Sonora, Lorena Álvarez, Nueve Desconocidos, Kora, Las Dianas, Rocío Saiz, Diamante Negro, Luis Fercán, Os Peregrinos, Momboi e Eva Pico.

O festival contará con tres escenarios distribuídos na praia da Concha. O escenario principal Vibramahou, e os secundarios Xacobeo 21/22 e Alma Atlántica. O piñeiral da Concha acollerá a Zona Kids (na que haberá xogos e actividades para os máis cativos) e os Food Tracks. Ao longo do perímetro do recinto instalaranse liñas de aseos, punto de merchandising, as barras e as casetas de entradas, control de acceso de menores e recargas de pulseiras. O festival tamén conta cun Plan de Igualdade e un Punto Lila onde de proporcionará información e se desenvolverá unha campaña contra as agresión sexistas.