A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou as Festas de María Pita 2022, nun acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e pola artista autora da ilustración do cartel deste ano, Rebeca Losada.
A alcaldesa avanzou os detalles da programación das festas do verán, sinalando que, como cada evento realizado recentemente, chegarán impregnadas da "ilusión e a expectativa dunha capacidade completa, sen restricións, sen máscaras e sen ter que bailar sentados/as en ringleiras de cadeiras". Destacou que o programa recolle a aposta do Goberno municipal pola calidade, a diversidade, a integración e unha combinación entre propostas innovadoras e citas xa clásicas do mes de agosto, que virá "cargado de propostas para todos os públicos, integrando os barrios e coa vocación de celebrar a recuperación da actividade cultural en todo o seu esplendor".
A alcaldesa quixo felicitar a autora da ilustración que este ano preside o cartel das Festas de María Pita, Rebeca Losada, por reflectir "a ilusión, a diversidade, as cores do verán e a alegría que día e noite nos agarda, así como a vocación de proxección internacional da programación". Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta edición das festas, con motivo do Xacobeo, que permitirá ofrecer unha proposta ambiciosa e de gran calidade.
Respecto do programa, destacou os dezaseis concertos de pop, rock, ritmos latinos e música clásica na praza de María Pita, así como dous impresionantes espectáculos de maxia e ilusionismo, o Festival Noroeste Estrella Galicia, que este ano volve á praia; a recuperación da Batalla Naval ou as festas nos barrios, con propostas como o concerto de Heredeiros da Crus no marco das Festas do Castrillón.
Inés Rey tamén deu conta doutras propostas como os eventos deportivos, a programación para as familias, as exposicións, as feiras de artesanía e do libro, citas clásicas co folclore ou as habaneras e exposicións nas salas municipais e na rede de museos científicos e históricos como as casas museo de María Pita, Casares Quiroga e Picasso. Aproveitou neste punto para convidar as coruñesas e coruñeses a visitar o castro de Elviña, onde se conmemora o 75 aniversario do inicio das escavacións. Tamén felicitou o Salón do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que cumpre 25 anos como referente nacional da banda deseñada.
A alcaldesa engadiu que o programa está deseñado non só para os coruñeses e coruñesas, senón tamén para as e os miles de turistas que visitan a cidade procedentes doutros puntos de Galicia, España e numerosos países. Neste sentido, reiterou que o turismo cultural é un dos eixes fundamentais da estratexia do Goberno municipal para apoiar a recuperación duns sectores moi castigados pola pandemia, como operadores turísticos, hostalaría, comercio, programadores, produtores e xestores culturais, artistas, técnicos ou salas de concertos. Para Inés Rey, o programa das festas deste ano "é un catalizador non só para resarcir o noso espírito festeiro, senón tamén para apoiar a reactivación económica e emprendedora do noso tecido empresarial e profesional".
Entrando xa nos detalles do programa, a alcaldesa comezou polo ciclo das "Noites de María Pita", durante a primeira quincena de agosto. Ao concerto do cantautor británico James Blunt o día 1 sumaranse as actuacións de Edurne, Dani Fernández, Macaco con García MC e Nación Quilombo, Ilegales ou Ana Torroja. Destacou como unha das grandes citas en María Pita, sen limitacións de capacidade, o concerto da banda escocesa Texas, o espectáculo da xira "Los 40 Summer Live" e a proposta familiar "Esto es rock", nun ciclo que rematará os días 15 e 16 cos concertos de Luis Fonsi e Carolina Durante.
A praza de María Pita acollerá tamén a Semana Clásica, con cinco concertos que abranguen o adianto da nova temporada da Sinfónica de Galicia, xunto coa Mirada Atlántica da Orquestra de Cámara Galega, a homenaxe a Nino Bravo da Banda Municipal con Serafín Zubiri e os mellores temas da factoría Disney coa Orquestra GAOS, nunha orixinal proposta que incluirá participación de público inscrito, que xa está ensaiando os temas. Tamén actuará a Coral Polifónica El Eco, que acaba de recibir a medalla Castelao.
A alcaldesa avanzou tamén que en próximas datas presentarase outro dos pratos fortes das festas, o Noroeste Estrella Galicia, que volve á praia do 10 ao 14 de agosto e tamén se estenderá a outros puntos emblemáticos da cidade, nunha grande aposta musical que estará aderezada con propostas como o Mercado da Colleita ou un mercado de discos en San Agustín.
Outro escenario destacado é o parque de Santa Margarida, que acollerá algunhas das propostas máis innovadoras do programa, como o Festival Independente de Rock Coruñés ou o Festival de Electrónica Coruñés. Tamén se realizará neste enclave a última fin de semana de agosto a tradicional romaría, coa gran noite do folclore, concertos de agrupacións e artistas como Milladoiro ou Mercedes Peón e obradoiros de danza e instrumentos.
A alcaldesa tamén se referiu a outras citas clásicas como o Festival Internacional de Folclore, con agrupacións de Bolivia, Guinea Bissau, México e Georgia, ou o Certame de Habaneras, coas corais máis destacadas da cidade e de distintos puntos de Galicia.
Respecto da programación específica para público familiar, abranguerá maxia, circo, humor, música ou teatro en distintos barrios da cidade. Entre as propostas figura o Festival Mundial de Ilusionismo, que traerá á cidade dous grandes espectáculos, o desafío extremo de Víctor Cerro, "El Ángel de la Muerte", e a maxia de Jorge Blass, un dos grandes do panorama nacional. Ademais, volverá o circo da man do Festival Manicómicos, e as artes escénicas con Cascarillarte, que ofrecerá quince representacións por toda a cidade.
No eido deportivo volverá o Trofeo Teresa Herrera de Fútbol, o Circuíto nacional de volei praia, o rally Teresa Herrera de coches históricos, a Bandeira de Traiñeiras Teresa Herrera ou a travesía a nado á Enseada de San Amaro.
A alcaldesa tamén destacou que se instalarán de novo os puntos violeta, co obxectivo de celebrar as Festas de María Pita con seguridade e en igualdade. Distribuiranse por distintas zonas da cidade como O Parrote, praza de Pontevedra, Escravas e O Castrillón. Nestes espazos seguros, que tras a positiva experiencia en San Xoán se manterán en todos os eventos multitudinarios que se realicen na cidade, informarase a cidadanía en xeral e prestaráselles asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual.