Seis concertos gratuitos fóra de Riazor con motivo do Morriña Fest




O Concello da Coruña ofrecerá seis concertos gratuítos no exterior do estadio de Riazor durante a celebración do Morriña Festival, os días 15 e 16 de xullo. O venres 15 actuarán Escuchando elefantes, Silvia Penide e Astrogirl, e o sábado 16 será a quenda de Carlos Bau, Wetsocks e Os Piñeiros. Un cartel que reflicte a aposta do Goberno municipal polo apoio aos grupos e artistas locais.

Para o desenvolvemento destes concertos e do propio festival estanse a realizar traballos de instalación de escenario e outras tarefas no exterior do estadio, polo que desde hoxe martes ata o domingo 17 reordenarase o tráfico na zona, cortando a rúa Manuel Murguía cara as Escravas desde Almirante Lángara, desviándose o tráfico procedente do paseo de Rolda por esa rúa. Tamén permanecerá cortada a avenida da Habana desde a avenida Bos Aires sentido avenida de Peruleiro.

O agardado Morriña Festival devolverá as grandes actuacións musicais ao estadio de Riazor tras 29 anos, coa presenza de destacados artistas internacionais. O cartel estará encabezado por Maluma, Black Eyed Peas, Franz Ferdinand e Crystal Fighters. Estarán acompañados por destacados artistas como Duki, Lost Frequencies, Xoel López, Lola Índigo, Viva Suecia, Ozuna, Funzo & Baby Loud, Vega e Belén Aguilera. Tal como indicaba a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na presentación do festival, o Morriña será non só unha cita de referencia a nivel galego, senón que aspira a selo tamén a nivel nacional. Ademais, este evento ten como grande aliciente a singularidade do espazo escollido, o estadio municipal de Riazor, o que reafirma o compromiso do Goberno municipal coa consolidación da Coruña como cidade de referencia para os grandes concertos.

As entradas poden adquirirse na páxina web do festival, www.morrinafestival.com, tanto para abono diario en bancada ou pista ou para o abono de dous días.